SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2016 | Actualizada ás 17:20 por EUROPA PRESS
A Fundación Galicia Europa convoca, por segundo ano consecutivo e en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, unha bolsa de prácticas formativas para titulados superiores universitarios co obxecto de formar a persoa seleccionada na xestión de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación.
Esta é a segunda convocatoria da bolsa de I+D+i, tras a entrada da Axencia de Innovación no padroado da Fundación en xuño de 2015, o que propiciou unha estreita colaboración entre as dúas entidades.
A bolsa terá unha duración dun ano e desenvolverase integramente na oficina da FGE en Bruxelas, onde a persoa seleccionada se unirá ao equipo de bolseiros da Fundación. Tamén existe a posibilidade de que o seleccionado realice breves períodos formativos nas dependencias da Axencia en Santiago.
O plan de formación consistirá no seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación e incluirá a asistencia ás reunións das redes de cooperación rexional nas que participa a Xunta.
Aqueles interesados poderán presentar as súas candidaturas, coa documentación esixida, ata o 14 de outubro, mediante o envío por correo certificado ou depositándoa persoalmente en calquera das dúas oficinas da FGE en Santiago e en Bruxelas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.