Por Galicia Confidencial | Melide | 09/10/2016 | Actualizada ás 10:00
Novo día negro para os cazadores. Un deles faleceu e outro resultou ferido nunha perna. Foi este sábado en diferentes batidas que tiveron lugar en Melide e en Silleda.
Na localidade coruñesa, un home de 51 anos, J.B., faleceu tras sufrir un disparo mentres participaba nunha batida de caza de xabaril. Segundo informaron a Europa Press fontes dos servizos de emerxencias, o home morreu tras recibir un disparo no peito.
Ata o lugar desprazáronse efectivos das forzas da orde, Protección Civil e Policía Xudicial da Garda Civil, así como o helicóptero medicalizado do 061, cuxos sanitarios só puideron certificar a morte do home. Tamén acudiu un forense para o levantamento do cadáver.
Posteriormente, o helicóptero medicalizado acudiu a outro accidente de caza acontecido na localidade pontevedresa de Silleda, onde un cazador resultou ferido nunha perna cun disparo. A vítima foi trasladada ao Hospital Clínico de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.