Este centro de discapacitados da Xunta segue sen usarse 10 anos e 9 millóns despois

Mofo na piscina, portas rotas, lixo nos accesos, xardíns ao monte… O Centro Galego da Discapacidade, un enorme e moderno edificio rematado hai moitos anos, esmorece polo desuso. A Xunta promete abrilo este ano, pero admite que a súa probable cesión a unha entidade privada aínda non está pechada.

Por M.V. | Santiago de Compostela | 11/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Cidade da Cultura, o Porto Exterior da Coruña, o parador de Turismo de Muxía… Galicia ten a unha boa colleita de “elefantes brancos”, faraónicos proxectos ideados en épocas de bonanza que -despois de millonarios estipendios- quedan en nada ou en moito menos do que prometera a omnipresente propaganda institucional.

Porta rota no CEGADI
Porta rota no CEGADI | Fonte: MV

Nas listas de mastodontes urbanísticos que fai a prensa galega -a miúdo tinxidas de localismo- acostuma a faltar unha infraestrutura que, curiosamente, está moi preto da sede princiapl da Xunta e, ademais, está pensada para un dos colectivos que máis axuda precisan, as persoas con discapacidade.

Trátase do Centro Galego da Discapacidade (CEGADI), un enorme edifico de máis de 8.000 metros cadrados situado en Meixonfrío, a menos dun quilómetro das consellerías de San Caetano en Santiago Compostela. O Goberno Galego investiu nel 9 millóns de euros para, entre outros fins, crear unha residencia para 32 discapacitados e atender a outros 60 nun centro de día e rehabilitación, segundo as cifras publicadas na época do bipartito. “Vicepresidencia dedica 8,7 millones para que en 2009 esté listo el centro de atención integral” proclamaban por entón, 2008, os titulares de prensa. 

O certo é que máis de sete anos despois e dez dende as primeiras noticias sobre a súa construción, que son de 2006 cando o Concello de Santiago cedeu os terreos, o CEGADI segue sen entrar en funcionamento. E o que é máis preocupante, as instalacións -completamente rematadas- están xa a sufrir un evidente deterioro ante o desuso do edificio.

Por exemplo, segundo comprobou GC esta fin de semana, a piscina do CEGADI está repleta de auga de color verdoso, probablemente produto da aparición de algas. O ‘verdín’ inza polo vaso da piscina, o lixo acumúlase nas rampas exteriores de acceso para as persoas coas cadeiras de rodas e varias portas e ventás teñen -malia a presenza de cámaras de seguridade- os cristais estalados. Esta imaxe de desleixo está a restar valor a un edificio moderno, con todo rematado -incluso os extintores nas paredes- pero baleiro por completo, sen equipar e sen uso.

Xardins ao monte no CEGADI
Xardins ao monte no CEGADI | Fonte: MV

Pensa a Xunta facer algo para sacar ao CEGADI do seu abandono? Cuestionada a Consellería de Política Social ao respecto, voceiros oficias aseguran que o Executivo  “prevé a posta en marcha desta infraestrutura para finais deste ano 2016” unha vez solventadas unha “serie de cuestións que aínda están pendentes”, eivas que non identifica.

A última razón que a Administración expuxo  para non darlle uso a foi a falta dunha adecuada conexión a eléctrica. Ao parecer, cando se deseñou o centro non se preveu potencia dabondo para o barrio, unha das zonas de Compostela que máis medrou durante o ‘boom’ do ladrillo. 

Política Social sacou en xaneiro un concurso para solventar esta eiva. Segundo figura no cartel das obras que está no exterior, a adxudicataria tiña 7 semanas para cumprir. Con todo, a finais de setembro o traballo non estaba finalizado de todo.

“Respecto da instalación eléctrica, a obra está practicamente executada a falta dunha conexión interior ao cadro xeral do edificio e á instalación dun dispositivo de detección. Así mesmo, compre(sic) subsanar numerosas deficiencias que se teñen detectado nesta infraestrutura e que a empresa adxudicataria dos traballos ten que realizar. Non entanto se solventen estas cuestións non se pode solicitar a autorización a Fenosa e a licenza de primeira ocupación”, explican dende Política Social.

Que fará a Xunta con el cando dunha vez por todas solvente o problema da luz? Os plans do Goberno anterior -e polo tanto pode que os do próximo- pasaban por cederllo a COGAMI, unha das principais asociacións de persoas con discapacidade física do país. Trátase dunha privatización até certo punto, pois COGAMI malia o seu evidente fin social e carecer de ánimo de lucro non deixa de ser un persona xurídica privada. 

Ademais, cederlle un edifico público a unha entidade privada non é nada doado xurídicamente. “Con relación a COGAMI restan por pechar algún detalles sobre a concesión do inmoble que agarda se resolvan en breve”, indican dende a Consellería, incapaces de determinar un prazo para que o CEGADI abandone un limbo que dura demasiados anos.

O primeiro anuncio da infraestrutura fíxose en 2006, as obras comezaron en 2007 e déronse por finalizadas seis anos despois, en 2013. Polo camiño houbo un cambio de goberno e Galicia sufriu o impacto da crise e os recortes no sistema de benestar executados polo goberno Feijóo e referendados nas urnas. 

Así seguen as cousas, máis de dez anos despois e 9 millóns despois, os discapacitados seguen o seu centro e o Goberno segue sen ser quen de concretar unha data para inauguralo. Mentras, o ‘verdín’ segue a facer o seu traballo. O mofo nunca descansa.

Mofo na piscina  no CEGADI
Mofo na piscina no CEGADI | Fonte: MV
Cartel das obras eléctricas no CEGADI
Cartel das obras eléctricas no CEGADI
Lixo nunha rampa de acceso ao CEGADI
Lixo nunha rampa de acceso ao CEGADI
O CEGADI ten máis de 8.000 metros cadrados /MV Exterior dos 8000 metros cadrados do CEGADI/MV
O CEGADI ten máis de 8.000 metros cadrados /MV Exterior dos 8000 metros cadrados do CEGADI/MV
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 rotundas

Esbanxamento é a nova consigna, tirar cos cartos e ca nosa vergonza (mesmo allea). Cerdedo (Pontevedra) PRECISABA duas SUPERROTONDAS mínimo na sua entrada, unha polo perigosísimo !!! cruce que leva a Montes e a Serrapio, e o da estrada a Tomonde e Sabucedo: Imprescindibles ambos !!! Uló ningunha fiscalía?

2 Esmola social expañoleira

Imos ver, por moita laboura social que faga COGAMI non deixa de ser unha empresa privada, que mañán pode adicarse a outro sector. COGAMI cobra, e cobra por todo. E se o discapacitado non ten cartos, pois...a rañala. Ademais, senon eres afiliado, os prezos son mais ou menos coma os dos taxis ou outros servizos privados. É outra privatización (apropiación indebida do de todos para darllo aos amigos a prezo saldo) ilóxica que tan só se fai polo credo neo liberal, porque fan falla moitas moitas prazas para discapacitados en Galiza e moitos galegos e familias deitados na cama a espera de ter unha praza.

1 vergonza allea!!!-

e un-ha proba mais da idocia e inutilidade do pp na Galiza, do expañolismo ladron e corruptor! non e un problema eléctrico e un problema neuronal, o alguen esta intentando sacar tallado do asunto este!!!!