SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2016 | Actualizada ás 14:23 por EUROPA PRESS
A Plataforma en Defensa do Ensino Público mobilizarase en contra das 'reválidas' e a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce) como parte da "xornada de loita" convocada polas organizacións estudantís en todo o Estado o próximo día 26 de outubro.
En concreto, esta entidade na que participan organizacións como CC.OO. Ensino, FETE-UGT, a Confapa ou o Sindicato de Estudantes, porá un marcha un calendario de accións que se celebrarán en todo o territorio galego, tanto a través de protestas e concentracións como asembleas informativas dirixidas á comunidade educativa.
As mobilizacións celebraranse o mesmo día 26 en Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, ás 12.00 horas, e en Ourense, Pontevedra, A Coruña e Lugo, ás 19:30 horas.
José Fuentes, de CC.OO. Ensino, chamou a participar nesta "imprescindible" xornada de loita para esixir "a derrogación da Lomce" e que se poña fin ao proceso de "desmantelamento da escola pública" emprendido polo Partido Popular dende a súa chegada ao Goberno.
As mobilizacións centraranse, sobre todo, en esixir a paralización das chamadas 'reválidas' que este ano se implantarán en secundaria e bacharelato e que supoñen unha mostra da "desconfianza no profesorado", unha intromisión nas competencias autonómicas e unha redución dos accesos á educación superior.
Neste sentido, Rafael Domínguez (UGT) advertiu de que este modelo atenta contra o proceso de avaliación e "todas as teorías que cuestionan" a utilidade destas probas puntuais, e que a normativa aprobada para desenvolver ao Lomce sitúa "por enriba de seis anos" de proceso educativo continuo.
Este chamamento á participación do alumnado verase acompañado dunha mobilización por parte das asociacións de nais e pais. Lois Taboada, de Confapa-Galicia, destacou que a confederación pedirá ás familias "que non leven aos seus fillos a clase" durante a xornada de folga, para así axudar a "baleirar" as aulas dos centros galegos.
Taboada recordou o traballo levado a cabo contra este modelo de 'reválidas' nos últimos cursos cun 70 por cento de abstención nas probas de diagnóstico celebradas en 3º e 6º de primaria.
MANIFESTACIÓNS ESTUDANTÍS
Así mesmo, Confapa animou ás familias e á sociedade a apoiar as manifestacións e protestas de estudantes convocada para ese día 26, que se celebrarán en distintas cidades galegas como parte desa xornada de folga en todo o Estado.
Ao respecto, Diego Serantes del Sindicato de Estudiantes en Galicia animou a secundar as marchas recordando que "se"demostrou" que as mobilizacións e a resposta social conseguiron ralentizar a aplicación e o desenvolvemento da Lomce.
"O 26 será unha parada de moitas máis que teremos para derrotar á política do Partido Popular", engadiu, acusando a esta formación de pretender "expulsar as familias de clase traballadora do ensino superior".
As mobilizacións convocadas polo SE en Galicia celebraranse ás 12.00 horas na xornada do 26 de outubro en Ferrol (ante o edificio da Xunta), en Santiago de Compostela (Alameda), en A Coruña (Praza da Palloza) e en Vigo (Praza de América).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.