O software libre como ferramenta para manter a privacidade na Internet

Unhas xornadas afondan nas oportunidades dos programas en aberto fronte aos sistemas das grandes compañías informáticas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/10/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O software libre puxa por ocupar o seu sitio no mercado e na sociedade da información manexando argumentos como o seu custe e principalmente a filosofía que supón o feito de que pode ser copiado, estudado, modificado, utilizado libremente con calquera fin e redistribuído con ou sen cambios. A estas vantaxes únese unha que aborda unha cuestións de especial preocupación na actualidade: a privacidade de datos dos usuarios.

Xornadas sobre o uso do software libre no Campus de Ourense
Xornadas sobre o uso do software libre no Campus de Ourense | Fonte: Duvi

Por iso, durante estes días, o campus de Ourense acolle a III Xornada de Achegamento Teórico-Práctico ao Software e Hardware Libre no Ámbito Educativo, xornadas que, entre outras cuestións, abordan como os soportes lóxicos libres poden ser unha opción aos privativos cando o obxectivo é salvagardar a privacidade.

A actividade está organizada pola Asociación Educativa Lignux, nada en 2013 co obxectivo de promover o uso de ferramentas abertas nos diferentes eidos de aplicación. Para a celebración das xornadas contan coa colaboración da Asociación Universitaria Pedagóxica e Cultural Educere, do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux GPUL, da Vicerreitoría do campus, das delegacións de alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Facultade de Ciencias da Educación e de Amtega. “O obxectivo desta terceira edición é o mesmo das anteriores: que a xente coñeza o software libre. Partimos da idea de que o que non se coñece non se pode usar”, apunta Noel Rodríguez, presidente da Asociación Educativa Lignux.

Á cita, apuntan desde a organización, asisten arredor de 30 persoas, procedentes principalmente do eido educativo. “Cada ano é maior o interese dos docentes polo software libre, aínda que nesta ocasión, por problemas coas datas de realización, temos menos matrícula nas xornadas”, explica Noel Rodríguez no Duvi. O interese en incidir na formación deste colectivo, sinala, débese á repercusión que pode ter na difisión das ferramentas en aberto entre as novas xeración. “Os educadores poden atopar neste software un aliado moi útil para o seu traballo e axudar a cambiar os prexuízos existentes”, comenta Rodríguez, que fai fincapé en que "a dificultade de instalación e uso deste tipo de programas pode ser como a de calquera outro de carácter privativo".

Linux

A sesión deste martes comezou cunha intervención de Pablo Castro, secretario adxunto do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, un dos grupos máis activos no fomento dos programas libres en Galicia segundo recalcan desde a organización das xornadas. Durante a súa conferencia falou das ferramentas en aberto para a formación en novas tecnoloxías, facendo especial fincapé na cuestión da privacidade de datos. “Canda vez temos menos privacidade na rede e para loitar contra isto o software libre danos ferramentas moi interesantes”, comenta este experto. Estes programas en aberto, apunta, permiten ao usuario coñecer e controlar o uso que se fai da súa información.

“Se usas programas privativos ao final todos os teus datos están non nunha nube senón en ordenadores de Google de Microsoft ou de quen sexan e non se sabe en realidade que uso se está facendo ou se fará deles”, recalca Castro. No caso dos programas libres, subliña, “podes ver como está feito o código, ver se os teus datos os está mandando a algún sitio ou non. Nos privativos non sabes en realidade a quen lle están cedendo información túa supostamente privada”. Neste contexto, o membro de GPUL explica que hai alternativas libres para todo tipo de programas. Deste xeito, propón o uso de Owncloud en vez de Dropbox e Google Drive; de Tor en vez de Google Chrome ou de Jitsi en vez de Skype. “Hai sempre opcións de software libre, tan sinxelas ou máis de instalar que as privativas. Só é cuestión de coñecelas e atreverse a comezar a empregalas”, indica.

Alén da conferencia de Pablo Castro, as xornadas contaron coa entrega a cada inscrito e inscrita dun CD con sistemas operativos e programas libres útiles para todo tipo de necesidades que poidan ter, desde o cálculo matemático ata o deseño gráfico, e os correspondentes manuais.

Xa este mércores, a actividade continuará co desenvolvemento dun taller no que os participantes terán a oportunidade de pórse mans á obra e traballar directamente con este tipo de soporte lóxico. O obradoiro comezará cunha presentación dos programas que se empregarán e o xeito de instalalos e continuará co traballo autónomo dos asistentes ao curso instalando este material co apoio dos membros da organización. A persoas inscritas poden levar os seus propios computadores e facer unha actualización deles en base a estas ferramentas en aberto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta