Homenaxe ao científico ilustrado de orixe galega e heroe da independencia de Colombia ‘O Sabio Caldas’

A Universidade de Santiago acolle un acto co gallo do bicentenario da morte deste científico, enxeñeiro militar, xeógrafo, botánico, astrónomo, naturalista e divulgador, cuxas raíces se atopan en Caldas de Reis.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/10/2016 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

O recoñecido científico e heroe da independencia de Colombia Francisco José de Caldas (1768-1816), do que este ano se cumpre o bicentenario da súa morte, ten as súas raíces paternas e maternas en Galicia, en concreto, no concello de Caldas de Reis. Por esa razón, o municipio pontevedrés quere recuperar a memoria do fillo de José de Caldas, quen chegou a ser alcalde da cidade colombiana de Popayán, unha das máis importantes do virreinato do Novo Reino de Granada. En Historia de Galicia pódese ler unhha completa reportaxe sobre as súas orixes galegas e a súa conexión con esta terra pontevedresa.

O científico ilustrado e prócer da independencia de Colombia de orixe galega Francisco José de Caldas, o ‘Sabio Caldas’
O científico ilustrado e prócer da independencia de Colombia de orixe galega Francisco José de Caldas, o ‘Sabio Caldas’ | Fonte: Parque Explora.

A homenaxe a Francisco José de Caldas terá lugar este xoves 20, ás 18.00 horas, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Xeografía e Historia), nun acto que reunirá académicos colombianos e profesores universitarios da Universidade Distrital Francisco José de Caldas (Colombia), da Universidade del Valle e do Departamento de Historia da USC, que compoñerán unha imaxe da figura e obra do científico e prócer da independencia de Colombia. 

SÍMBOLO DE PROGRESO, CIENCIA E LIBERDADE

Francisco José de Caldas pasou á historia co sobrenome de 'O Sabio Caldas', como é coñecido popularmente en Colombia, onde é todo un símbolo de progreso, ciencia e liberdade nacional nese país. Participou nos primeiros pasos que deron lugar en 1810 á independencia colombiana da España napoleónica, sendo fusilado en 1816 polas tropas realistas españolas que reconquistaron por poucos anos aqueles territorios. A pesar das súas solicitudes de clemencia para poder acabar os seus traballos científicos, sinala a lenda que o militar que ordenou a súa execución, Pablo Morillo, dixo que “España non necesita de sabios”.

Francisco José de Caldas participara na Real Expedición Botánica ao Novo Reino de Granada identificando miles de plantas nos actuais territorios de Colombia e Ecuador, e foi director do Real Observatorio Astronómico de Santafé de Bogotá, o primeiro da súa tipoloxía que se construíu en América. Tamén destacou polos seus traballos de xeografía, cartografía, matemáticas, física, enxeñaría ou agronomía. Ademais, foi o fundador do Semanario de la Nueva Granada, importante instrumento de reflexión política e  divulgación científica da época. 

En homenaxe ao Sabio Caldas, toda unha rexión colombiana leva o seu nome —Caldas—, así como dúas universidades públicas e numerosas prazas, rúas e equipamentos culturais, educativos e científicos de todo o país. 

Agora, na organización destes actos de homenaxe en Galicia participan a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a Embaixada de Colombia en España e o Concello de Caldas de Reis, ademais doutras entidades colombianas, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 mourillán

Pablo Morillo con rúa en Vigo pertinho praza Compostela