A CORUÑA | 19/10/2016 | Actualizada ás 18:27 por EUROPA PRESS
A Xunta de Voceiros da Deputación da Coruña aprobou, por unanimidade, manifestar o apoio ás reivindicacións dos traballadores de Extel "e impulsar unha iniciativa que se ratificará no próximo pleno recollendo as súas demandas", informa a institución provincial.
En concreto, voceiros de todos os grupos con representación na corporación provincial -PSdeG-PSOE, BNG, PP, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños- reuníronse, na sede provincial, con membros do comité de empresa para trasladarlles o seu apoio.
Tras este encontro, a Deputación da Coruña confirmou que levará ao próximo pleno unha moción na que se recollen as demandas do comité de empresa para evitar o despedimento de 205 persoas no centro da Coruña. Nela, manifestarase o rexeitamento "firme" ao expediente de regulación de emprego.
OUTROS APOIOS
Tamén se compromete a pedir publicamente, tanto a Extel coma a Movistar, "que aclaren onde se vai prestar o servizo de atención ao cliente".
Todas as forzas políticas acordaron, así mesmo, comunicar aos cargos de responsabilidade dos seus respectivos partidos presente noutras institucións a situación destes traballadores para que se "solidaricen" con eles e soliciten a Movistar e Extel "que expliquen as razóns para o ERE".
Ademais, o conxunto da corporación provincial manifesta o seu compromiso "de adoptar todas as medidas ao seu alcance para deixar sen efecto este ERE e loitar, a longo prazo, por mellorar as condicións do sector", apostila.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.