Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2025 | Actualizada ás 16:00
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, responderá sobre atención á saúde mental en Galicia e sobre o proxecto da mina de Doade, en Allariz, no pleno que o Pazo do Hórreo acollerá os próximos 20 e 21 de maio. No hemiciclo galego comparecerá, ademais, a petición propia, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para informar sobre políticas de prevención de enfermidades e vacinación.
A orde do día foi concretado na Xunta de Portavoces do martes pasado, na que tamén se ratificou que a próxima sesión de control ao presidente (que se celebra habitualmente no arranque os mércores), non preguntará a Rueda o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e si o fará (de acordo coa súa cota de iniciativas) o deputado de Democracia Ourensá (D.O.), Armando Ojea.
Na comparecencia posterior desta semana, precisamente, a viceportavoz primeira do PSdeG, Elena Espinosa, censurou que quede fose a pregunta de Besteiro "por decisión do PP coa complicidade do BNG a través de subterfuxios". Criticou que se utilice "a escusa" de dar entrada a unha pregunta de D.O. e, tras aclarar que os socialistas "nunca" quixeron que Ojea non pregunte, si reproban que o faga "á conta dos dereitos parlamentarios do PSdeG".
Os socialistas sosteñen que por tempo sería factible e defenden que en anteriores lexislaturas "o presidente si respondía a todos os grupos". En todo caso, Espinosa esgrimiu que o Goberno galego non se librará de responder a unha pregunta urxente do Grupo Socialista para que explique "a ausencia do presidente da Xunta da central de emerxencias a noite do apagamento enerxético".
DOADE E SAÚDE MENTAL
O Bloque tamén levará ao pleno unha iniciativa para tratar de "avanzar nunha política lingüística a favor do galego". En concreto, reclamará que no prazo de dous meses, a Xunta elabore un cronograma de planificación das accións "plenamente vixentes" que están incluídas no Plan Xeral de Normalización Lingüística que "o PP ten metido nun caixón desde hai 20 anos".
O Bloque tamén presentará unha proposta impulsar a compra pública alimentaria e decidiu introducir unha pregunta urxente sobre "a grandísima estafa" que sofren as persoas afectadas polo cambio de condicións nas vivendas do barrio coruñés de Xuxán, "promocionadas pola Xunta como sociais a través dunha cooperativa e polas que se quere cobrar alugueres de case mil euros ao mes".
Sobre Xuxán tamén preguntará á Xunta o PP, que denuncia que a "imposición de novas esixencias por parte do Instituto de Crédito Oficial" está "a botar abaixo as expectativas de acceder a unha vivenda a un prezo accesible e lonxe do carácter social da promoción".
O PP CENTRARÁ O PLENO EN AP-9 E TREN
Máis aló, no apartado das proposicións non de lei, o PPdeG insistirá na demanda para que a Mesa do Congreso, verbalizaba esta semana o seu portavoz parlamentario, Alberto Pazos, "levante o bloqueo ao que ten sometida a tramitación" da proposición de lei que partiu da Cámara autonómica para pedir o traspaso da AP-9.
ATENCIÓN A DEPENDENTES
Os socialistas, pola súa banda, tamén incluirán unha proposición non de lei para esixir á Xunta que garanta atención a maiores dependentes "abandonados" pola Administración autonómica, á que afeou que "non abriu unha soa residencia pública" desde que o anterior xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, foi elixido presidente en 2009.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.