A Game Jam une en Pontevedra videoxogos e educación

O encontro organízase no marco do IV Congreso Internacional de Videoxogos e Educación (CIVE), que se celebra por primeira vez en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 27/10/2016 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

A Casa da Luz de Pontevedra acolle estes días a Game Jam, organizada no marco do IV Congreso Internacional de Videoxogos e Educación (CIVE), que se desenvolve ata o venres 29 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. Durante estes días, os participantes na Game Jam traballan en equipos formados no propio evento na creación dun videoxogo para móbiles e táboas dixitais, do que non souberon as características ata o comezo do encontro. O tema elixido é a educación e debe ser orientado ao alumnado de Primaria e monoxogador.

Participantes na Game  Jam en Pontevedra
Participantes na Game Jam en Pontevedra | Fonte: CIVE 2016.

A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, está dirixida a programadores, deseñadores, ilustradores e xente interesada no mundo dos videoxogos, que deben permanecer día e noite na Casa da Luz co obxectivo de presentar o venres as súas propostas. Os traballos optarán a un premio cedido polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e á posibilidade de poñer en marcha unha campaña de crowdfunding para obter os fondos precisos para desenvolver o seu xogo, coa colaboración da empresa Gato Salvaje Estudio.

Os participantes na Game Jam tiveron tamén a oportunidade de asistir a unha charla de Michael Santorum, progamador galego no estudo independente de creación de videoxogos Tequila Works.

CIVE

Galicia acolle por primeira vez o Congreso Internacional de Videoxogos e Educación, que chega á súa cuarta edición despois de desenvolverse en Valencia, Cáceres e Bos Aires. O seu obxectivo é abordar a creación de videoxogos desde as vertentes académica e empresarial.

A iniciativa de organizar o evento en Pontevedra nace do Grupo Alfás, creado por académicos e académicas de diferentes países que traballan no uso do videoxogo na aula. A súa andaina comezou en 2012, pero foi o pasado abril cando se constituíron formalmente como grupo con personalidade xurídica. Precisamente no marco do CIVE teñen previsto desenvolver a súa primeira asemblea para marcar as liñas de traballo, baseadas no convencemento de que a gamificación fai que o alumnado traballe máis e mellor. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta