Un cuarto irrecuperable

O Obradoiro cae 79-74 co Betis tras desperdiciar 15 puntos de vantaxe na primeira metade. Os de Moncho Fernández encaixaron 52 puntos tralo descanso e sumaron en Sevilla a quinta derrota en seis xornadas.

Por gcdeportes | Compostela | 30/10/2016 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Betis Energía Plus 79:
Chery (9), Alfonso Sánchez (12), Lockett (9), Milosevic (6), Zoric (8) -cinco inicial- Nachbar (16), Stojanovski (15), Marc García (0), Triguero (4) e Cate (0).
Obradoiro 74: Pepe Pozas (12), Dulkys (19), Bendzius (4), Rosco Allen (20), Pustovyi (8) -cinco inicial- Whittington (4), Mickey McConnell (1), Santi Yusta (2), Matulionis (0) e Nacho Llovet (4).
Parciais: 13-21, 14-14 (27-35), 28-16 (55-51), 24-23 (79-74).
Árbitros: García González, Perea e Sánchez Mohedas. Sen eliminados.
Incidencias: partido da 6ª xornada da Liga Endesa no pavillón municipal San Pablo ante 4.673 espectadores.

Rosco Allen, con 20 puntos, máximo anotador obradoirista en Sevilla.
Rosco Allen, con 20 puntos, máximo anotador obradoirista en Sevilla. | Fonte: ACBPhoto

Obradoiro encaixou só 27 puntos nos dous primeiros cuartos, pero recibiu ata 28 só no terceiro. Os composteláns chegaron a ter quince puntos de vantaxe (6-21), pero perdían de dez (70-60) no ecuador do último cuarto. O Betis meteu 43 puntos en apenas quince minutos e o Obradoiro encaixou en Sevilla a quinta derrota (79-74) en seis xornadas. Tan só unha vitoria, en Manresa. Os mellores no Obra, Rosco Allen con 20 puntos e Dulkys con 19. No outro lado, Mickey McConnell con 1 punto e Whittington e Bendzius con 4. Matulionis quedou de novo sen anotar.

A intimidación de Artem Pustovyi, titular en Sevilla, autor de tres tapóns e dous roubos nos primeiros minutos, permitiu ao Obra abrir un oco importante no arrinque do partido (2-13). Unha tripla de Dulkys e un 2+1 de Rosco Allen e os galegos gañaban xa 6-21. Betis reaccionou cun parcial de 7-0 e o primeiro cuarto rematou con 13-21. Dúas triplas de Rosco Allen e Dulkys e Obradoiro volveu abrir oco (18-27). De novo os locais apertaron o marcador cun parcial de 7-0, pero Dulkys, con dúas triplas e oito puntos, deixou a vantaxe en oito ao descanso: 27-35.

Desastre obradoirista no terceiro cuarto, con erros en ataque e concedendo canastras doadas ao rival. Con 29-39, parcial de 9-0 para os locais para poñerse 38-39. McConnell errou catro tiros consecutivos, Kenny Chery deu a primeira vantaxe aos andaluces (46-45, minuto 26) e o Betis culminou a remontada, pechando o cuarto cunha nova tripla de Stojanovski: 55-51.

Dúas entradas de Milosevic puxeron a diferenza para os locais en oito puntos (59-51). A garra de Pepe Pozas, cun roubo e canastra en contraataque e unha tripla lonxana, mantiña as esperanzas galegas, pero o Betis acadou dez puntos de vantaxe (70-60). Os puntos de Rosco Allen e unha tripla de Dulkys devolveron o Obra ao partido (70-68), pero unha tripla de Alfonso Sánchez deu aire aos locais (73-68). Zoric taponou a penetración de Rosco Allen a falta de 25 segundos con 75-72 e sentenciou con dous tiros libres: 77-72.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta