A academia coruñesa imputada por fraude nega ter recibido subvencións

En declaracións a GC, o administrador de Lexgal, que presume das felicitacións que lle envían algúns mandatarios como Rajoy, nega calquera irregularidade e relación coa trama da Operación Zeta. Manuel P.C., alega que nunca recibiu axudas públicas e carga contra unha inspectora. Lexgal é entidade colaboradora de varias consellerías da Xunta.

Por Manuel Vilas | A Coruña | 09/11/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

En conversa con GC, Manuel P.C., administrador único da empresa  Lexgal Formación SL. nega calquera irregularidade e relación coa Operación Z. O Xulgado de Instrución número 6 de A Coruña acordou a condición de investigados (a anterior figura de imputado) a 13 persoas, ademais da entidade da propia academia coruñesa, pola suposta implicación en delitos de estafa agravada/fraude de subvencións, contra a Seguridade Social e falsidade documental. O Xulgado que leva o asunto é o mesmo que ao cargo da Operación Zeta, pola suposta fraude masiva de subvencións da Xunta por parte de Azetanet, grupo de Gerardo Crespo, militante do PP. 

Sede de Lexgal e Grema na Coruña
Sede de Lexgal e Grema na Coruña | Fonte: Google Street View

Manuel P.C. dise “moi sorprendido” pola imputación e insiste unha e outra vez que “nin eu nin Lexgal nunca recibimos nin un duro para formación de ningunha administración”. No referido a Operación Zeta, asegura que non ten ningunha relación con Crespo, nin coas súas empresas e defende que o seu xeito de traballar é diferente.

Subvencións para a contratación de traballadores pero non para os cursos

Segundo comprobou GC no Diario Oficial de Galicia (DOG), Lexgal, a diferencia de Azetanet, nunca levou subvencións importantes da Xunta para cursos de formación. Si conseguiu subvencións máis pequenas -algunha moi recente, por exemplo 5.600 euros  de 2015- para a contratación de traballadores. Nunha ocasión en 2011, a Xunta retirou a Lexgal unha subvención por non manter no seu cadro de persoal unha persoa que tiña un contrato subvencionado.

Ademais, Lexgal aparece como entidade colaboradora oficial de varias consellerías -Medio Rural e Traballo- para impartir cursos de formación; pero non hai axudas directas da Xunta para os seus cursos, a diferencia do que sucedía no modus operandi  na suposta fraude da Operación Zeta. 

Felicitación de Rajoy a Manuel P.C.
Felicitación de Rajoy a Manuel P.C.

"Insultado" por unha inspectora do INEM

De onde ven entonces a acusación? Manuel P.C. presentase como vítima dunha inspectora do INEM que “por envidia” abriu unha investigación en 2011. Nun escrito entregado esta semana no Xulgado, Manuel P.C. acusa a esta funcionaria de ter unha “enemistade” cara el, de “mala fe” por intentar involucrar a outras empresas do grupo sen supostamente motivos e mesmo de telo insultado.  

O empresario argumenta que sofre unha persecución dende que se queixou nas oficinas do INEM do trato recibido. Tamén destaca que a academia recibe inspeccións constantes dese e doutros organismos -como Inspección de Traballo- e que “xamais” foi sancionada.  

A causa foi arquivada no seu día

Na súa defensa, Manuel P.C. tamén remitu a GC un acordo do citado Xulgado de 2014 no que decreta o arquivo e sobresemento da causa. Daquela, o xuíz non atopara indicios penais, aínda que admitía que as administracións responsábeis -a Xunta principalmente- debería investigar a calidade dos cursos.

“A luz das numerosas dilixencias testificais que se practicaron neste procedemento, atopámonos con que os cursos ofertados pola entidade Lexgal Formación SL, con maior ou menor grado de éxito ou de satisfación polos seus usuarios,viñeronse impartindo de forma efectiva, pois non houbo ningunha testemuña que negara ter recibido os cursos concertados con dita entidade, cuestión distiante é que o material formativo, os medios materiais de que dispoñía Lexgal Formación, la cualificacioń dos profesores-titores de ditos cursos fose a máis acaída, cuestión que, en todo caso, debería ser examinada polos organismos administrativos correspondentes pero que cae fora da órbita do Dereito Penal”, ditou daquela o xuíz.  

A posteriori Fiscalía recurriu no seu día este arquivo, e agora un novo xuíz reabriu a causa imputando a Manuel P.C. e a doce persoas máis, algúns traballadores do grupo. 

Asociación de Empresarios Autónomos Grema e contactos con políticos

O grupo Lexgal é un dos principais operadores de formación a distancia no Estado, o “mellor” segundo o seu administrador. Ademais, Manuel P.C. tamén ten relevancia pública na súa condición de presidente da Asociación de Empresarios Autónomos Grema.

Malia insistir que nunca pediu un euro a administración local, estatal ou autonómica para os seus cursos e que non ten relación algunha co poder público máis aló das inspeccións que recibe, o empresario publica nas súas redes sociais felicitacións navideñas enviadas, entre outros, polo presidente Mariano Rajoy, o subdelegado do Goberno, o presidente de Castilla y León e varios ministros.

Segundo explica en conversa con GC, o seu modelo de negocio impide que reciba diñeiro público máis aló de subvencións puntuais para contratar profesores. O investigado explica que, unha vez impartidos os cursos a traballadores, son as empresas as que pagan a Lexgal tirando das súas bonificacións públicas para formación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta