Narf

No fermoso festival das Cores do Outono que se celebrou na vila de A Pobra do Brollón a fins de setembro pasado a cantante Uxía comentounos que o seu compañeiro de xeiras e fatigas no escenario, Fran Pérez, Narf, estaba “maliño”. Que inxusta a negra sombra: deixa que medren as cores a flor de pel. Onte a morte saíu á rúa, como cantaba o Zeca Afonso. Na tarde escura de onte, cando se fan máis cortas as risas e máis negras as desventuras, sentín un estralo no corazón cando souben a nova do pasamento de Narf. O seu ollar poético e o seu sorriso semellábannos aos que admirábamos a súa música e o seu xeito de estar no mundo, eternos.

Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 16/11/2016

Comparte esta noticia
Descubrín (“Descubrirte” é un tema de el) a Narf de casualidade hai uns catro anos, polo San Xoán de 2012. A xornalista e escritora María Solar presentaba na biblioteca Ánxel Casal de Compostela o seu libro xuvenil “As meigas de Lupa”. No acto, Narf interpretou o tema “Nana de ZeMambiquo”. Sempre devecín pola xente con talento para xogar coas verbas, para modelar a linguaxe e crear novos mundos, como esas baladas da Galicia imaxinaria que compartía con Uxía.
 
Trala descoberta deste estilo tan persoal, desfrutei de pequenos concertos de Narf en locais do casco vello compostelán. Agasallei a xente querida cos seus discos. E funo coñecendo un chisco. Ás veces que coincidiamos sempre acabamos falando de África, eu da miña querencia abisínica e el do seu Mozambique adoptivo, amado. Pouco antes de marchar eu a Euskadi tiven a sorte de desfrutar dun concerto de el praticamente en exclusiva. Eu vivía a rente da Fundación Autor da SGAE en Compostela e non sei onde vin anunciado que NARF gravaba alí en directo o mellor do seu repertorio. Eses vídeos hoxendía corren polo youtube. Naquela sala estabamos só unhas seis persoas. Aquilo foi impresionante. Quedáronme gravados xestos, letras e acordes inesquencibles.
 
Narf era un gran tipo. Un referente para moita xente. Un símbolo da Galicia moderna que parte do local para abrirse ao mundo, no seu caso, á lusofonía.  Foi fundador da Sala Nasa, membro daquel delirio marabilloso alcumado A Psicofónica de Conxo, e un mestre das versións de clásicos como Rosalía, Zeca Afonso ou García Lorca. A adaptación que fixo na rúa do poema de “Madrigal á cibdá de Compostela” é maxistral.
 
A última vez que vin a Narf foi de casualidade. El viña de dar un concerto non sei se en Arzúa ou Melide, e achegouse ao Castelo de Pambre, xusto cando Manuel Gago e eu presentabamos na ermida románica da fortaleza o libro de “Herdeiros pola Forza”. Alí falounos dos seus plans de futuro, dos seus proxectos, da súa arte.
 
Narf pedíalle ao 2016 voltar a Maputo, Mozambique. Eu creo que debe de andar por ZeMambiquo, onde as tardes non son escuras. Porque como cantaba el “Durme meu amor, durme meu bem. Non estou a sonhar, ZeMambiquo é um bom lugar”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA