Os inventos dos máis mozos na maior feira científica do país

Apps para loitar contra a vespa asiática, unha horta hidropónica e un pastillero intelixente son algúns dos proxectos de Galiciencia, que bate o seu récord de participantes.

Por GC Emprende | Ourense | 17/11/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A saúde, o medio ambiente e a accesibilidade para persoas con necesidades especiais son algúns dos temas máis populares dos 75 proxectos que se expoñen desde este mércores ata o vindeiro venres no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense).

Galiciencia 2016
Galiciencia 2016

A maior feira científica de Galicia comezou esta mañá a recibir aos máis de 2.000 escolares que a visitarán durante os seus tres días de duración, aos que se suman os asistentes que se achegan pola súa conta, dado que o evento é de entrada libre polas tardes. O certame chega este ano á súa undécima edición, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

A Galiciencia bate de novo nesta edición o seu récord de proxectos, cun total de 75, dos que os 50 de Secundaria compiten polo premio final, mentres que os 25 de Primaria se expoñen fóra de concurso. A representación máis numerosa procede da provincia de Ourense, cun total de 28 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 18 de Pontevedra, 18 da Coruña, 6 de Lugo, 3 de Biscaia, un de Barcelona e un de Asturias, esta última con  representación na Galiciencia por primeira vez.

A ameaza da avespa asiática inspirou a un equipo procedente de Cambre (A Coruña), que desenvolveu unha aplicación móbil para alertar aos servizos de Protección Civil da presenza exacta de novos niños deste insecto. A protección do medio, desta vez mediante a eficiencia no uso dos recursos naturais, é tamén o propósito do estudante de Santiago de Compostela que propón un dispositivo para controlar o despilfarro de auga no fogar. Concienciar sobre o impacto medioambiental que supón a goma de mascar é o fin do sistema de recollida e reciclaxe ideado por alumnos de Valdoviño (A Coruña). 

A horta hidropónica para cultivar vexetais ecolóxicos na casa de estudantes de Vigo, a reutilización de toalliñas húmidas como recheo de edredóns e chaquetas dun equipo de Bilbao, o desenvolvemento dun illante térmico natural tamén a cargo de alumnos vascos e o dentífrico de herbas aromáticas de estudantes ourensás son algunhas das propostas centradas en buscar alternativas máis sustentables para obter produtos de consumo masivo.

A saúde é outro dos obxectos de estudo máis comúns entre os participantes da Galiciencia. Alumnos de Primaria de Ourense analizaron os perigos do aceite de palma para a saúde, mentres que dous dos equipos de investigadores das Aulas Tecnópole presentan un pastilleiro intelixente para pacientes crónicos que detecta os retrasos e esquecementos e un sistema de análise da calidade do aceite de fritir, que mediante o uso da espectrofotometría lles permitiu concluír que non se debe utilizar máis un aceite que leve máis de tres semanas na frixideira a un ritmo de tres usos por semana. Desde Vigo chega un proxecto no que se analizaron varios espazos dun colexio para chegar á conclusión de que onde se concentran máis microorganismos é nos lavabos e nas aulas e, curiosamente, onde menos hai e nos vestiarios do ximnasio.

A reinvención a través da tecnoloxía

O espantallo 2.0 supón unha reinvención tecnolóxica dun clásico nas hortas. A proposta dunha alumna de Ponteceso (A Coruña) é unha estrutura piramidal impresa en 3D que demostrou ser máis efectiva que a versión tradicional. A aplicación das tecnoloxías innovadoras para gañar en eficacia é tamén a motivación de alumnos da localidade coruñesa de Ortigueira á hora de utilizar tecnoloxía LEGO para facer unha auditoría enerxética.

As aplicacións móbiles son a paixón do equipo de Lugo que presenta nada menos que tres: una de tradución, outra de turismo e outra de xeolocalización. Esta é a mesma canle proposta por alumnos de Cambre para avisar de incidencias aos gardas do Parque Nacional das Illas Atlánticas, por estudantes de Santiago para chatear con expertos en emerxencias e polo equipo das Aulas Tecnópole para xestionar un banco de ideas.

A seguridade e a accesibilidade son tamén temas recorrentes na Galiciencia. O sistema electrónico para evitar choques no garaxe concibido en Ferrol compite co sistema compostelán para a prevención de accidentes en autobuses. Mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade auditiva é algo no que coinciden dous equipos Vigo, que deseñaron unha máquina para axudarlles a escoitar música mediante a vista e un sistema de estimulación vibrotáctil.

O estudo de diversos ecosistemas galegos, o desenvolvemento de novos métodos didácticos e a análise de fenómenos como os buratos negros son só algúns dos demais temas que inspiraron aos participantes na feira científica.

Talleres e exposicións

O mércores comezaron tamén os talleres e o espectáculo científico nos que se explora a relación das matemáticas coa enxeñería e coa natureza e foi inaugurada a exposición promovida polo Sergas sobre depresión infantil e xuvenil, na que, ademais de información útil para identificar este trastorno nas idades temperás e para concienciar á sociedade, se mostran fotografías realizadas por adolescentes que sofren esta doenza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta