Novo éxito das protestas en Galicia contra as reválidas e pola derrogación da LOMCE

'Erguer!' e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino cifran nun 90% o seguimento da segunda folga no ensino medio e a universidade.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/11/2016 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Centos de alumnos percorreron as principais cidades galegas na segunda xornada de folga educativa convocada este curso para esixir a supresión das reválidas e a derrogación da Lei Orgánica de Mellora Educativa (LOMCE). Nesta ocasión, ademais dun paro en todo o Estado impulsado polo Sindicato de Estudantes, en Galicia chamaron á folga as organizacións de alumnos 'Erguer!', Anega e Acción Universitaria, que celebraron protestas en 16 localidades.

Manifestación en Vigo para esixir a supresión das reválidas e a derrogación da LOMCE
Manifestación en Vigo para esixir a supresión das reválidas e a derrogación da LOMCE | Fonte: Europa Press.

A capital galega acolleu unha das principais protestas, pero tamén unha marcha dispersa, na que varios centos de mozos (apoiados por Anpas Galicia e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino) saíron da Alameda compostelana pasados 20 minutos do mediodía. Os primeiros foron os seguidores do Sindicato de Estudantes (SE), portando unha pancarta na que se podía ler 'Non ás reválidas franquistas'.

Minutos despois arrancaba o grupo máis numeroso de manifestantes, o das organizacións de alumnos galegas, encabezados pola pancarta co lema 'O estudiantado galego contra a LOMCE e as reválidas' e que mantiveron a distancia respecto ao SE durante todo o percorrido.

Ademais de entidades como Anpas Galicia, ou a plataforma na que participan a CIG-Ensino, entre outros, os mozos recibiron o apoio de representantes políticos como Antón Sánchez e Luca Chao, de En Marea, ou Ana Pontón e Xosé Luis Rivas 'Mini', do BNG.

As condicións meteorolóxicas non acompañaron, con chuvia e frío constante durante toda a mañá. A pesar diso, os manifestantes mostraron a súa enerxía entoando cánticos como 'Méndez de Vigo cómeme o figo', ou 'A loita é o único camiño'.

Tras percorrer a Senra e rodear a Praza de Galicia, a marcha internouse no casco antigo compostelán, onde se dividiu finalmente. O SE celebrou o seu acto central na Praza de Obradoiro, mentres que o resto se concentrou na Praza de Praterías.

CONTRA AS "MENTIRAS" DO PP

En declaracións aos medios, a voceiro do sindicato de alumnos 'Erguer!', Iria Figueroa, destacou o seguimento da convocatoria de folga que, segundo os datos provisionais que manexa, está secundada polo 90 por cento do alumnado de ensino medio e bacharelato.

Figueroa reprochou ao goberno popular as súas "mentiras" respecto ás reválidas, realizando declaracións "que daban a entender que remataban", e "lexislando en sentido contrario". "Polo tanto, non temos outro camiño que non sexa a mobilización", sinalou.

O voceiro da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, incidiu no "éxito rotundo" da de folga "que é o que hai que ter en consideración".

Ademais, instou á Xunta e o Goberno do Estado a que "acepte dunha vez" o "clamor unánime contra as reválidas e a Lomce", reprochando o "engano e a farsa" articulada arredor do decreto lei que aprobarán o próximo 28 de novembro, polo que suspenderán temporalmente os efectos académicos destas probas.

Pablo Álvarez, do Sindicato de Estudantes, tamén criticou o traballo "desmovilizador" do Ministerio de Educación a través das súas "mentiras" sobre o fin das 'reválidas', advertindo que seguirán "nas rúas" ata que o Boletín Oficial do Estado publique a derrogación da Lomce.

OUTRAS CIDADES

As protestas de alumnos estendéronse por 16 localidades de toda Galicia. En Vigo, centos de estudantes saíron de Praza América con puntualidade, nunha marcha na que a corearon consignas e portaron pancartas con lemas como 'Fóra reválidas franquistas' e 'En defensa do ensino público'.

O responsable de 'Erguer!' na cidade, José Rodríguez, esixiu a "derrogación fulminante" da Lomce e as 'reválidas', porque, aínda que o Goberno paralizou o calendario previsto, "é só un parche".

Neste sentido, reclamou que Galicia teña unha lei educativa propia, que non sexa "clasista, elitista nin segregacionista" senón que permita a todos os galegos estudar nun sistema público e de calidade. "Non pararemos de loitar", selou.

A voceiro de Foanpas, Bertila Fernández, criticou que se pretenda implantar un sistema do que "toda a comunidade educativa está en contra". "Queren impoñer o seu pensamento e non teñen en conta o que dicimos: O futuro da sociedade está aquí, hai que poñerlles ferramentas, leis modernas e blindadas aos cambios de goberno,", subliñou.

Finalmente, o voceiro da CIG-Ensino, Suso Fernández, fixo especial fincapé nos estudantes de segundo de bacharelato, os cales, a punto de rematar o primeiro trimestre e a só uns meses de que finalice o curso, "non saben en que consistirán os exames" para poder acceder á universidade. "Unha absoluta desconsideración co profesorado e o alumnado", rematou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Nexus 6

O que lles motiva é o de saír a berrar polas rúas. O contido dos berros é o de menos. Sempre pasa o mesmo: rexeitase calquera modificación da lei que nese intre estea en vigor, lígase esa modificación ao fascismo, dise que vai contra o pobo asoballado...e así dende fai 30 anos. É o que hai. Por certo reválidas ou probas semellantes hainas en tódos (ou case todos) os países de Europa. Nuns teñen valor de avaliación e noutros son probas para verificar as competencias e coñecementos dos alumnos/as. Aquí, como temos o sistema educativo con máis éxito do mundo, pois nada...a berrar na rúa porque canto menos teñamos que estudar mellor.

1 galegoexiliado

Os fillos saen á rua mentras os país votan ó PP, os obreiros pechanse en concellos que meses antes lle deron ó PP.... e todos eles disfrutan o PParaiso PPopular e creen a mentira de que viven no país mais rico e desenvolto do mundo, sin paro, emigración. cociñas económicas nin bancos de alimentos.