VIGO | 28/11/2016 | Actualizada ás 19:52 por EUROPA PRESS
A viguesa de 44 anos Charlotte Goiar anunciou este luns que suspende a folga de fame que prevía iniciar este xoves, día 1 de decembro, tras recibir unha comunicación por parte da dirección do Hospital Álvaro Cunqueiro informándoo de que foi tramitada a data para a súa intervención.
Aínda que o pasado xoves o Sergas manifestou a Europa Press que Charlotte Goiar xa tiña fixada a data da intervención para dentro dunhas semanas e aseveró que ela "é coñecedora" desta, a viguesa mantivo que foi este luns cando recibiu unha chamada telefónica da dirección do hospital para indicarlle a data.
Así, transmitiu que foi citada a finais do próximo mes de xaneiro, cando un equipo de endoscopia lle realizará unha intervención para o peche da fístula na Clínica Diagonal de Barcelona. Tras permanecer dous días ingresada alí, levará a cabo a reconstrución da asimetría xenital na Clínica de Cirurxía Plástica Doutor Iván Mañero, en Barcelona tamén.
Charlotte Goiar criticou que o Sergas actuou no seu caso con "impasibilidade" malia que unha sentenza lle ordenaba remitirlle a clínica de Barcelona "á maior brevidade", e vinculou o éxito da súa petición á ameaza do inicio da súa folga de fame. "Estes feitos indican por si mesmos a absoluta insensibilidade e inhumanidade" por parte do Sergas, rematou.
En canto ás declaracións do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, acerca de que o seguimento psicolóxico de Charlotte Goiar corresponde nunha parte á EOXI de Vigo e na outra a Cataluña, a viguesa desmentiu que o seu tratamento dependa de Barcelona e subliñou que a devandita prestación foi "continuamente denegada por parte do Sergas".
ANTECEDENTES
Charlotte Goiar sofre unha patoloxía de intersexualidade coñecida como Síndrome de Harry Benjamin. Debido a que o Sergas non realiza o tipo de cirurxía de reasignación de sexo que a viguesa precisaba, remitiuna ao Instituto de Cirurxía Plástica doutor Iván Mañero de Barcelona, onde en xaneiro de 2015 foi sometida á operación.
Con iso, dábase cumprimento á sentenza do Xulgado do Social número un de Vigo, que en 2014 ordenou ao Sergas que, "á maior brevidade posible", a remitise á clínica e asumise os gastos que implicase a intervención, incluído o transporte, estanza e a operación. O proceso dilatouse porque o escrito xudicial non especificaba que fose a un centro público ou privado.
Actualmente, a viguesa está pendente dunha operación de remodelación estrutural dos xenitais e de reparación dunha fístula, polo que en setembro o Xulgado do Social número un de Vigo instou ao Sergas a que "á maior brevidade posible" a volvese remitir á clínica de Barcelona.
Non obstante, como ela entendía que levaba "moito tempo" á espera, anunciou que ata que se datase a operación iniciaría unha folga de fame, que este luns desconvocou. Coas dúas novas cirugías, Charlotte Goiar, que criticou que o Sergas trate as persoas que sofren a súa mesma síndrome como "pacientes de terceira clase", sumará un total de sete intervencións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.