Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2016 | Actualizada ás 20:00
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, intenta a toda costa que as investigacións da xuíza Pilar de Lara na Operación Cóndor non o salpiquen, especialmente, logo de coñecerse que tamén el foi o receptor de regalos do empresario Raúl López, dono de Monbús, por valor superior a 2.000 euros. Sen embargo, novas informacións publicadas por este medio apuntan a que o seu papel a favor do empresario lucense podería ser moito máis importante do que asegura.
"Non sei de que me fala", respondeu a GC que lle preguntou polas declaracións ante a xuíza dun empresario que o acusa de ter beneficiado a López. Miguel Angel Donado Campos, propietario de La Estradense, acusa a Feijóo de ter favorecido ao grupo Monbus para que se quedara co transporte de viaxeiros entre Santiago e a urbanización limítrofe de Os Tilos, a traveś de Castromil.
No seu día, La Estradense e Castromil, pertencente ao grupo empresarial Monbus, presentaron ambas as dúas recursos para intentar quedar coa concesión na época na que Feijóo era conselleiro de Política Territorial. Feijóo tería chamado a copropietario de La Estradente comprometéndose a repartir o servizo a cambio de que este retirase o recurso e posteriormente incumpriría favorecendo os intereses de López, segundo suliñou Donado Campos a Pilar de Lara.
"Non sei de que me fala", respondeu Feijóo que volveu remitir ao "sumario" para incidir en que, segundo o publicado, a "queixa" da empresa á que supostamente beneficiou, en alusión a Monbus, era "a contraria".
"Tranquilidade"
En todo caso, Feijóo apelou a proceder con "tranquilidade" e reiterou o seu respecto a "calquera tipo de actuación xudicial" no marco da 'Operación Cóndor', sobre a que, asegurou, non ten nada máis que engadir" porque non dispón "de ningún dato máis".
Este xoves declarou ante a xuíza Pilar de Lara o expresidente do PP e da Deputación de Pontevedra, actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, entre outros cargos, como investigado por suposto suborno.
A declaración está ligada á súa presenza nunha lista do Servizo de Vixilancia Aduaneira que sitúa a Louzán e outra vintena de cargos (de Galicia e doutras zonas de España) como receptores de viño e outros regalos por parte do presidente de Monbus, Raúl López.
De Lara, ademais, remitiu exposicións motivadas ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e ao Tribunal Supremo para que decidan se hai que investigar outros cargos aos que tamén enviaría regalos, entre eles Feijóo e o exministro socialista José Blanco.Sobre esta cuestión, Feijóo explicou que non ten de ningún dato máis. "Non sei se as cen persoas que hai nesa lista o teñen, eu non", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.