Dirixentes transfronteirizos piden unha homologación fiscal para a fronteira

Pídenlle aos gobernos de Portugal e de España que os teñan en conta para participar no vindeiro Cumio Ibérico para falar dos “problemas comúns” que existen nos espazos fronteirizos dos dous estados.

Por Galicia Confidencial | Barcelos | 19/12/2016 | Actualizada ás 19:57

Comparte esta noticia

Os dirixentes transfronteirizos consideran necesario iniciar os traballos tendentes a buscar unha homologación fiscal na Fronteira. Así se puxo de manifesto na Comisión Executiva do Eixo Atlántico, celebrada este luns en Barcelos, e na que tamén alertaron que non se “deixe de lado” a estas entidades no vindeiro vindeiro Cumio Ibérico no que se falará, precisamente, da cooperación transfronteiriza.

Xuntanza do Eixo Atlántico
Xuntanza do Eixo Atlántico

Nesta xuntanza participou o presidente do Eixo Atlantico, Ricardo Rio, acompañado do Vicepresidente e Presidente da Federación Galega de Municipios, FEGAM, Alfredo Rodríguez, o Presidente da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, RIET, José Couto, o alcalde de Viana do Castelo e Presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, José Maria Costa, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, Lugo, Lara Méndez, Barcelos, Miguel Costa e Matosinhos, Guillerme Pinto, xunto ao Secretario Xeral do Eixo Atlántico e da RIET, Xoan V. Mao.

O Eixo Atlántico insiste na necesidade que os representantes lexítimos da Fronteira nas súas tres dimensións: política, académica e empresarial, non poden quedar “fora” desa xuntanza. Ademais, sinala que hai que ter en conta á Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, RIET.

Precisamente, a importancia de que estean as entidades transfronteirizas é analizar acordos que beneficien tanto a Galicia e Portugal, como a outras autonomías que limitan co país luso. E un deses asuntos de interese é a homolación fiscal na fronteira.

Problemas comúns

Tamén están problemas como os que afectan o transporte, á sanidade, á educación ao investimento e creación de postos de traballo mediante o fomento da actividade empresarial ou a eliminación de trabas á actividade económica na fronteira. Ademais doutras cuestións coma son os problemas ligados á mobilidade ou as cuestións de seguridade cidadá e loita contra incendios.

“Todos eles susténtanse sobre a necesidade urxente dun novo Marco Xurídico de Cooperación xa que o vixente Tratado de Valencia, non só está obsoleto, senón que, no canto de favorecer a cooperación, converteuse nun corpiño que a dificulta, afirmou o secretario xeral da RIET e do Exio Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

Igualmente, nesta xuntanza tamén se falou de redefinir os Fondos Europeos para a cooperación que nos últimos anos pasaron de 800 millóns de euros a 200 “e que nin sequera contan coa loxística necesaria para unha xestión áxil”, como o demostra que do paquete de Fondos 2014-2020, as primeiras candidaturas serán aprobadas en xaneiro de 2017.

Críticas

Por iso, Vázquez Mao mostrou o seu desacordo cos ministerios de exteriores de ambos os países en calidade de responsables da Comisión Luso Española que preparan a Axenda dos Cumes Ibéricos. Así, criticou que non só ignoraron os últimos 4 anos as necesidades da fronteira, senón que mesmo “se negaron a reunir coas asociacións transfronteirizas para escoitar as súas propostas nun claro exemplo de arrogancia e falta de intelixencia emocional e política”.

Neste sentido foi solicitada entrevista co Ministro de Asuntos Exteriores e a Secretaria de Estado de Portugal, e en breve solicitarase ao novo Ministro español de exteriores. Así, destaca que non parece “moi razoable” que nas vésperas dos Cumes Ibéricos se promoban encontros empresariais e con outras entidades de ambos os países, aos que se lles recibe institucionalmente e, en cambio,”non se convide ás que representan a cooperación de primeiro nivel os 365 días dos anos”.

“Ás entidades transfronteirizas resúltalles, cando menos, chocante que o Rei falara na súa recente visita a Portugal de cooperación transfronteiriza nun foro onde non había ningún representante da fronteira porque os ministerios de exteriores, responsables da visita, dentro do elevado número de persoas e entidades convidadas, non incluíron a ningún representante da Fronteira”, recolle un comunicado enviado desde o Eixo Atlántico. Tan só o Presidente do Eixo Atlántico estivo presente no acto organizado polo Concello de Porto e por invitación expresa do seu alcalde.

Por iso, o Eixo Atlántico advirte que “se non hai reunión previa” con representantes da fronteira para abordar os problemas reais das persoas, empresas e universidades, no próximo Cume Ibérico, o anuncio será considerado “un produto mediático e unha fraude ética”. “Abrirase unha profunda fenda cos territorios de fronteira que nos obrigará a seguir o noso camiño á marxe dos gobernos, aínda que esperamos, de todo corazón que non ocorra así”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta