Temas: LARACHA

Denuncian ante a Fiscalía a construción dun campo de tiro olímpico nunha fraga da Laracha

O Comité de Defensa das Rías Altas argúe que a instalación atenta contra un espazo "especialmente valioso" dende o punto de vista medioambiental e arqueolóxico, e alerta de tamén de riscos para a seguridade dos veciños e para a propia ría.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/01/2017 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

O Comité de Defensa das Rías Altas e un veciño afectado da Laracha presentaron unha denuncia ante a Fiscalía Provincial de Medio Ambiente e Urbanismo en Santiago de Compostela pola construción dun campo de tiro olímpico no lugar de Vilar de Fraga, Soandres, no municipio larachés. 

Acceso ao camiño da fraga da Laracha
Acceso ao camiño da fraga da Laracha | Fonte: revolucionpermanente.es.

A denuncia alerta de que a instalación conleva o levantamento dunha nave de 3,5 metros de altura que os denunciantes entenden que "non é susceptible de autorización" por diversas razóns.

En primeiro lugar, argúen que o campo de tiro instátase nunha fraga de 8,5 hectáreas de superficie, situada á beira do río Anllóns, onde varias árbores centenarias foron taladas, alterando a configuración do terreo. A asociación subliña que a fraga é "especialmente valiosa", con "árbores autóctonas e arredor de setenta especies animais protexibles". Na denuncia, deféndese que "nin a construción desenvolvida nin a actividade que se pensa desenvolver ao aire libre é compatible cos valores propios do terreo nin a súa protección xurídica".

Ademais, en segundo lugar argúen que se trata dun terreo polo que pasa un antigo camiño real, documentado xa polo Marqués da Ensenada no século XVIII e no que se atoparon restos romanos e tumbas de datación incerta.

Por último, os denunciantes sinalan que por alí tamén pasa un camiño público municipal "desafectado recentemente por razóns que non entendemos", din, e que se atopa ao carón dunha estrada, o cal entra en "plena contradición coa normativa de armas", supoñendo un "risco para os veciños do lugar". Ademais, alertan da posible contaminación por chumbo na ría na que desemboca o Anllóns polo uso de armas.

Segundo comunicaron a GC fontes da denuncia, o fiscal consefou aos afectados que nese lugar "non se podían facer estas obras e a prevista do tiro ao prato" e "viu bastantes cousas mal", polo que "vai intervir, investigar e tomar medidas".

Temas: LARACHA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta