A CORUÑA | 20/01/2017 | Actualizada ás 18:27 por EUROPA PRESS
A Deputación da Coruña cedeu ao Museo de Belas Artes a obra 'O discurso', de Isaac Díaz Pardo, nun acto que tivo lugar no organismo provincial onde se atopaba exposto o cadro realizado polo artista en 1946.
O acto contou coa asistencia do presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, e da viccepresidenta, Goretti Sanmartín, así como o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora do museo, Ángeles Penas.
Segundo explicaron os responsables da institución provincial, o óleo, duns dous metros de ancho por 1,7 de alto, cédese para que a obra poida estar a disposición do público no Museo de Belas Artes, xestionado pola Consellería de Cultura.
COLECCIÓN DA DEPUTACIÓN
O acto contou tamén coa presenza de diversos membros da familia do artista, entre eles o seu fillo Xosé Díaz. Na súa intervención, Formoso recordou o vínculo de Isaac Díaz Pardo coa Deputación, que lle concedeu unha bolsa para a súa formación, ademais de subliñar que o cadro pase a compartir espazo "con destacados artistas galegos dos séculos XIX e XX".
Pola súa banda, Goretti Sanmartín apuntou ao traballo da institución provincial para achegar ao público a colección da que dispón a Deputación. Mentres, Anxo Lorenzo precisou que o óleo se sumará ás tres obras de pequeno formato do artista que figuran na colección do Museo de Belas Artes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.