Por gcdeportes | Vigo | 22/01/2017 | Actualizada ás 22:12
Ficha técnica
Real Sociedade 1: Rulli; Zaldua, Raúl Navas, Iñigo Martínez, Yuri; Granero, Zurutuza, Sergio Canales (Gaztañaga, 79’); Carlos Vela (Xabi Prieto, 70’), Juanmi e Willian José (Oyarzabal, 62’).
RC Celta 0: Sergio Álvarez; Roncaglia, Sergi Gomez, Fontás, Carles Planas; Tucu Hernández, Pape Cheikh (Iago Aspas, 82’); Jozabed (Radoja, 67’), Josep Señé (Guidetti, 72’), Pione Sisto e Giussepe Rossi.
Gol: 1-0: Juanmi (minuto 71).
Árbitro: Del Cerro Grande (madrileño). Amarelas a Yuri e Juanmi nos donostiarras e a Carles Planas e Rossi nos celestes.
Incidencias: partido da 19ª xornada de Primeira no estadio de Anoeta ante 19.845 espectadores.
Pensando no Real Madrid, Toto Berizzo aliñou un Celta cheo de suplentes. Do once de Anoeta, tan só Sergio Álvarez, pola lesión de Rubén Blanco, e Roncaglia estarán o mércores na volta de Copa fronte ao Real Madrid (Tucu Hernández está sancionado). O Celta tivo ocasións para marcar, pero máis tivo a Real Sociedade, que quedou cos tres puntos grazas a un gol de Juanmi coa testa nun córner no minuto 71. Berizzo meteu a Guidetti e a Iago Aspas (só dez minutos no campo), e o sueco tivo o empate co calcañar a cinco minutos do final. Despois de cinco vitorias entre Liga e Copa, primeira derrota celeste no 2017. O Celta remata a primeira volta con 27 puntos, a catro do Vilarreal, que marca os postos europeos coa sexta praza.
Os de Berizzo saíron durmidos e a Real Sociedade tivo ata catro chegadas nos primeiros dez minutos. Willian José e Carlos Vela levaron perigo á meta de Sergio Álvarez en senllos remates coa testa. O Celta sacudiuse o dominio local e igualou o mediocampo. A mellor ocasión celeste chegou no minuto 35, tras unha asistencia de Rossi sobre Pione Sisto, que se foi dos defensas pero o seu disparo despexouno Rulli: o rexeite foi para Josep Señé, pero rematou fóra coa testa.
A superioridade da Real Sociedade foi máis evidente trala reanudación. Axiña Sergio Álvarez evitou o 1-0 nun man a man con Sergio Canales. E Carlos Vela rematou ao lateral da rede pouco despois. Cando máis atacaba a Real, Josep Señé, a pase do debutante Jozabed, tivo un man a man que lle gañou Rulli. Cunha estirada prodixiosa, Sergio Álvarez evitou que Juanmi marcase. Berizzo deu entrada a Radoja para tentar amarrar o empate inicial, pero o gol chegou a falta de 20 minutos nun saque de esquina: Canales centra para que Juanmi faga coa testa o 1-0 que sería definitivo.
O técnico celeste deu entrada a Guidetti, pero só lle deu dez minutos a Iago Aspas. O sueco tivo o empate a cinco minutos do final a pase de Rossi, pero o seu remate co calcañar saiu preto do pau. O partido estaba rachado, pero ao Celta faltoulle tempo para empatar. O celtismo espera expectante o partido do mércores en Balaídos, tralo 1-2 no Bernabéu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.