A Xunta destaca a importancia da educación e da formación no impulso á actividade emprendedora de Galicia

Os conselleiros de Economía, Francisco Conde, e Cultura, Román Rodríguez, resaltaron este luns, na entrega dos premios Eduemprende Idea, a importancia da educación e da formación no impulso á actividade emprendedora da Comunidade.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2017 | Actualizada ás 18:27 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os conselleiros de Economía, Francisco Conde, e Cultura, Román Rodríguez, resaltaron este luns, na entrega dos premios Eduemprende Idea, a importancia da educación e da formación no impulso á actividade emprendedora da Comunidade.

Tal e como destacou Conde, os índices de emprendemento de Galicia son "cada vez mellores" e, así, segundo o último informe GEM, a porcentaxe de galegos que teñen intención de emprender vai en aumento, ofrecendo no ano 2015 o mellor resultado da última década.

Para apoiar aos emprendedores, Conde precisou que a Xunta impulsou en Galicia medidas que favorecen a posta en marcha de novas empresas, entre as que se atopan a eliminación das licenzas municipais e a creación da rede de aceleradoras, que permitiu o impulso de máis de 500 proxectos nos últimos catro anos.

Do mesmo modo, subliñou que é importante que este espírito emprendedor "se vexa acompañado dun contexto socioeconómico favorable", apuntando que os principais indicadores constatan que Galicia "está nunha etapa de consolidación da recuperación económica".

Pola súa banda, Román Rodríguez anunciou que o seu departamento abrirá este ano sete novos viveiros de empresas en centros educativos, de tal forma que se alcanzarán 26 espazos deste tipo.

Rodríguez fixo fincapé no importante papel do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende, que se consolida como escenario de organización das sinerxías en materia emprendedora que actúan no ensino.

EDUEMPRENDE IDEA

Eduemprende Idea ten como obxectivo premiar os proxectos de empresa presentados polo alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño, neste caso matriculadas no curso 2015/2016.

O certame conta con dúas modalidades, unha dirixida a estudantes de ciclos e ensinanzas de grao superior e outra dirixida aos de ciclos e ensinanzas de grao medio, con tres premios en cada unha delas.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta