SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2017 | Actualizada ás 18:21 por EUROPA PRESS
A directora xeral de Consumo, Sol Vázquez Abeal, informa os consumidores de que non supón un "veto" para reclamar a devolución do importe das cláusulas chan realizar pactos con entidades financeiras anteriores ao fallo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, nin tampouco cancelar a hipoteca.
Diso deu conta na comisión de Industria, en resposta a unha pregunta do PSdeG, na que destacou que, aínda que os consumidores asinaran pactos para renunciar ás súas facultades de reclamación, as cláusulas "son nulas". E é que "dificilmente se pode renunciar a un dereito do que non tes coñecemento", dado que a sentenza da UE que declaraba nulas con retroactividade as cláusulas chan data do 21 de decembro de 2016.
Ao respecto, defendeu o "incondicional apoio" da Xunta aos afectados por cláusulas chan, xa que sostén que "dende o primeiro momento" Consumo adoptou unha "posición activa" pola "magnitude do problema", que "preocupa", mediante a achega dos "medios posibles".
Pola súa banda, o deputado socialista Abel Losada pediu medidas de apoio ao consumidor por parte da Xunta, e chamou a atención sobre que esta sentenza que fixa a devolución retroactiva das cláusulas chan chega nun contexto de resultados anuais "máis que satisfactorios" para os bancos.
ACTUACIÓN DA XUNTA E FORMULARIO
Así, Sol Vázquez remarca que dous días despois de coñecerse a sentenza se articulou un "programa específico de apoio a persoas", coa difusión de información a través do seu web e un formulario de reclamación que fixeron os técnicos do Instituto Galego de Consumo no que se inclúe unha cláusula que "motiva a resposta ao banco", pois "iso arma o consumidor para despois ir á vía xudicial" se é necesario.
Nesta liña, indica que o formulario, que foi actualizado tras o decreto do Goberno do 23 de xaneiro que establece un mecanismo extraxudicial, "foi moi ben recibido polos afectados". A isto únense diversas xornadas informativas pola xeografía galega.
De tal forma, o portal de Consumo recibiu máis de 4.000 visitas, mentres que o formulario tivo máis de 3.600 descargas. Todo iso, tras subliñar a responsable de Consumo que "devolver de oficio" é a dirección que debían tomar as entidades financeiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.