Temas: RAG CURSOS

30 anos de ‘Galego sen fronteiras’

Os Cursos de verán de lingua e cultura galegas organizados pola RAG celebrarán o vindeiro mes de xullo trinta anos recibindo a persoas de todo o mundo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/02/2017 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) organiza a XXX edición dos Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña. Desde 1988, esta iniciativa permitiu a máis de dúas mil seiscentas persoas chegadas desde os cinco continentes mergullárense no idioma e na realidade sociocultural de Galicia.

Vikash, alumno da XXIX edición dos Cursos 'Galego sen fronteiras', recitando versos de Rosalía de Castro traducidos ao hindi nun encontro de confraternidade de estudantes e profesorado celebrado no parque de Bonaval, en Santiago de Compostela
Vikash, alumno da XXIX edición dos Cursos 'Galego sen fronteiras', recitando versos de Rosalía de Castro traducidos ao hindi nun encontro de confraternidade de estudantes e profesorado celebrado no parque de Bonaval, en Santiago de Compostela | Fonte: RAG.

O programa diríxese a alumnado e profesorado universitario interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas e, de maneira particular, ao vinculado aos centros de estudos galegos que existen en distintas partes do mundo, aínda que está aberto a calquera persoa maior de idade de fóra de Galicia.

A iniciativa constitúe unha ferramenta de grande utilidade para a internacionalización e normalización da nosa cultura: moitas das persoas que hoxe traballan no eido dos estudos galegos fóra de Galicia foron antes estudantes dos Cursos 'Galego sen fronteiras', informa a RAG.

Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega, e Xosé Luís Regueira, tamén membro de número da institución, codirixen os cursos, que se dividen en tres niveis nos que se combinan clases teóricas e prácticas, palestras impartidas por figuras destacadas da cultura galega e visitas a lugares de interese histórico e natural, entre outras actividades.

O prazo de recepción de solicitudes para participar nesta nova edición permanecerá aberto ata o 24 de febreiro. O programa desenvolverase en Santiago de Compostela do 3 ao 24 de xullo de 2017.

Temas: RAG CURSOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta