BNG pide á Mesa do Parlamento investigar o "secuestro" da lei sobre preferentes para ver se houbo "prevaricación"

Jesús Domínguez asegura que, "a día de hoxe", aínda quedan en Galicia "10.000 afectados sen cobrar por un importe de 100 millóns"

Santiago de Compostela | 17/02/2017 | Actualizada ás 15:10 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, avanzou que a formación nacionalista pedirá á Mesa do Parlamento de Galicia que investigue as razóns "do secuestro durante 30 meses" da lei sobre preferentes aprobada por unanimidade na Cámara para analizar se "constitúe un caso claro de prevaricación".

Así o anunciou a líder do Bloque nunha rolda de prensa ofrecida este venres tras reunirse con afectados as participacións preferentes para analizar tanto esta cuestión como a decisión do Goberno de PP de "vetar" a posibilidade de que esta proposición de lei fose debatida no Congreso dos Deputados.

"Meteuse nun caixón durante 900 días", manifestou Ana Pontón, quen lembrou que a proposición de lei foi aprobada por unanimidade o 11 de marzo de 2014 e que non foi "ata o 14 de novembro de 2016 cando se remitiu ao Congreso para que fose debatida".

"Estamos ante uns feitos de gran gravidade que mesmo poden significar que desde a presidencia do Parlamento de Galicia se prevaricou no tratamento desta iniciativa", denunciou para insistir na necesidade de coñecer os motivos polos que esta proposición estivo "secuestrada".

Ademais, pediu á Mesa do Parlamento que "non volva actuar con parcialidade" e fágao "con rigor" e lembrou que "o actual presidente do Parlamento, Miguel Santalices, era o vicepresidente da Mesa que mantivo secuestrada esta lei". "Estamos ante un deixamento de funcións e unha degradación do Parlamento evidente", denunciou.

"VETO VERGOÑOSO"

Na súa intervención, Ana Pontón tamén denunciou o "veto vergoñoso" e o "segundo en apenas tres meses a unha lei galega", cuestión que, na súa opinión, "é unha mostra máis da irrelevancia política de Feijóo". "Nada sorprendente despois de ver como o PP mide o peso político do presidente da Xunta polo número de 'selfis' que se fixo en Madrid cos militantes do seu partido", considerou.

O BNG compartiu con representantes das plataformas a demanda de que se reintegre a totalidade dos aforros estafados porque, segundo explicou o portavoz da plataforma de afectados de Santiago, Jesús Domínguez, a día de hoxe "aínda quedan en Galicia uns 10.000 afectados sen cobrar por un importe de 100 millóns".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta