Así foi o asalto ao Mercadona de Ourense

As imaxes das cámaras de seguridade do interior do supermercado mostran ao detido entrando cunha escopeta, disparando e póndose de xeonllos cando chega a Policía.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 18/02/2017 | Actualizada ás 11:13

Comparte esta noticia

Supermercado Mercadona en Ourense atracado
Supermercado Mercadona en Ourense atracado | Fonte: @pablotaboada

O día 12  accedeu ás 14,00 horas ao establecemento cunha mochila na que portaba unha escopeta de canóns paralelos coa que efectuou catro disparos cara ao teito na zona de bebidas do supermercado.

Cando os traballadores do centro intentaban evacuar as instalacións, un axente da Policía local que estaba fora de servizo observou "unha avalancha de xente" nas portas do establecemento e tras identificarse axudou na evacuación do local.

A Policía Nacional confirmou que foi este propio axente o que se puxo en contacto coa Comisaría para informar de que había un home cunha escopeta no interior do supermercado.

DISPAROULLE AO POLICÍA LOCAL DE PAISANO

 

O axente da Policía Local, Carlos Pérez, sinalou que puido ver a través da cristalera de entrada o home "cunha mochila nunha man e unha escopeta de caza aberta na outra". Nese momento identificouse como axente de policía e díxolle que deixara a arma.

 

Ademais, relatou que nun primeiro momento o detido se deu a volta e disparou contra un cartel, pero que tras un segundo intento para que depuxese a arma apuntou na súa dirección e disparou. Ese disparo foi o que impactou contra a cristalera da porta corrediza de entrada ao centro comercial, tras a que se atopaba o policía local.

 

O axente abandonou a entrada do supermercado e esperou a chegada da Policía Nacional, custodiando a porta para evitar a fuxida do autor dos disparos.

 

Á súa chegada, a Policía Nacional acordoou a zona con varias dotacións para evitar a fuxida do home e para evitar que se achegase ninguén á zona, xa que o suceso coincidiu coa hora de saída de moitos estudantes universitarios e de colexios próximos.

 

COLLERA CARTOS DAS CAIXAS

 

A continuación, un membro da Policía Nacional e o policía local entraron ao interior do local. Nese momento o detido dirixiuse cun plátano e un cigarro na man á liña de caixas, onde se tirou ao chan para que o detivesen.

 

Fontes da Policía Nacional confirmaron que nun primeiro rexistro se atoparon nos seus petos 1.200 euros que collera dunha caixa e varios cartuchos de escopeta.

 

O axente da Policía Local constatou que "se o detido quixese disparar a xente podería facer moito dano cando chegou o tropel de xente á entrada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta