Erwin Neher, un Nobel de Medicina na Coruña crítico cos recortes

O científico alerta na súa visita a Galicia das consecuencias dos recortes nos fondos destinados a investigación pola causa da crise, que foron "moi grandes" e repercutiron no avance dos descubrimentos científicos, á vez que insistiu na necesidade de implicar ao sector privado nos investimentos neste ámbito.

Por E.P. | A CORUÑA | 23/02/2017 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

O Nobel de Medicina Erwin Neher alertou das consecuencias dos recortes nos fondos destinados a investigación pola causa da crise, que foron "moi grandes" e repercutiron no avance dos descubrimentos científicos, á vez que insistiu na necesidade de implicar ao sector privado nos investimentos neste ámbito. Neher, que participa este xoves nunha conferencia no marco das CorBI Neuroscience Lectures na Domus da Coruña, recibiu xunto con Bert Sakmann o Premio Nobel de Median en 1991 polos seus descubrimentos en relación á función das canles iónicas nas células.

Erwin Neher, Nobel de Medicina
Erwin Neher, Nobel de Medicina | Fonte: lindau-nobel.org.

Neher denunciou hoxe na cidade herculina que os recortes dos fondos para investigación foron "moi grandes" por mor da crise, repercutindo sobre todo nas partidas destinadas á investigación básica. En concreto, en España, a diferenza doutros países europeos, a redución no investimento para avances científicos foi maior. Por iso, considera que "é necesario" acudir a fondos privados para continuar avanzando na investigación e o desenvolvemento.

Ao non aumentarse os fondos públicos, Neher apostou por "animar" ao sector privado para que invista en investigación científica.

INICIATIVA EN GALICIA

Ao fío disto, aplaudiu a iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela, onde un grupo de investigadores iniciou unha campaña de crowdfunding para conseguir financiamento para avanzar nun proxecto contra o cancro.

Para o Nobel de Medicina, este tipo de iniciativas son unha "moi boa idea" porque, á vez que atraen ao sector privado, animan á cidadanía a involucrarse nos avances científicos.

Neher destacou que, a diferenza de Estados Unidos —onde a filantropía xa está asentada na súa cultura—, os ingresos de filantropía para a investigación en España non están desenvolvidos.

Así, a parte de investigación e desenvolvemento financiada pola filantropía non chega a representar o 1%, mentres que noutros países como Italia ou o Reino Unido alcanzan o 3 e o 5 por cento, respectivamente.

O TRABALLO DE NEHER

O traballo de Erwin Neher, centrado en novos métodos para o estudo de sinais en células nerviosas, foi fundamental para o coñecemento actual da estrutura e función do sistema nervioso.

Ademais, as técnicas experimentais que se desenvolveron grazas ao seu traballo son, a día de hoxe, imprescindibles para o desenvolvemento e a avaliación de novos e máis eficaces fármacos destinados ao tratamento, non só de enfermidades neurolóxicas, senón tamén cardiovasculares ou do sistema endocrino.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta