SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2017 | Actualizada ás 21:25 por EUROPA PRESS
A Escola de Práctica Xurídica de Santiago fixo entrega este venres dunha placa en sinal de recoñecemento a todas as institucións e colectivos que colaboran con ela para "convertela en centro de referencia en España", como a Deputación da Coruña, a avogacía da cidade, o corpo de letrados da Xunta, o TSXG, a Fiscalía ou as Forzas de Seguridade.
Esta escola, dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Colexio de Avogados de Santiago, entregou estes distintivos durante o acto institucional celebrado en Santiago de Compostela para despedir á cuarta promoción do Máster Universitario en Avogacía.
Ao evento acudiron máis de 300 persoas, entre as que estivo o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; o director xeral de Xustiza da Xunta, Juan José Martín; o reitor da USC, Juan Viaño; así como representantes de todos os grupos políticos do Concello compostelán.
A Escola de Práctica Xurídica de Santiago destacou que o 100% dos alumnos do Máster de Avogacía aproban os exames de acceso á profesión e o 40% dos matriculados actualmente no centro estudaron Dereito fóra da provincia. Os alumnos reciben, durante ano e medio, formación nas materias Civil e Mercantil, Penal, Laboral e Administrativo.
O 60% do profesorado é designado polo Colexio de Avogados de Santiago, mentres que o 40% depende da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O exame de acceso á avogacía, obrigatorio para exercer en España, celébrase dúas veces ao ano, nos meses de febreiro e novembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.