Por Galicia Confidencial | Santiago | 31/01/2010 | Actualizada ás 17:20
A Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, Seaga, foi creada en 2006 pola Consellería do Medio Rural, entón dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal. Precisamente, este pasado é o que esgrimen as novas autoridades da Xunta para desfacerse dela. "É un chiringuito do bipartito do que nós non somos responsables, nin nos interesa", díxolles en xuño pasado o secretario xeral da Consellería do Medio Rural, Jorge Atán. E desde entón non volveron saber máis nada da Xunta. As únicas informacións que chegan da consellería son en forma de cartas de despido.
O Seaga é unha sociedade pública da Xunta para a realización de todo tipo de actuacións, obras, traballos e prestación de servizos en materias forestais, especialmente as relacionadas coa prevención e loita contra os incendios forestais en particular e, en xeral, intervencións de carácter urxente relacionadas cos lumes forestais.
Só 200 traballadores
Desde a súa creación, o Seaga chegou a ter preto de 2.500 traballadores,dos que na actualidade só quedan 200. A maior parte deles, máis de 1.200 foron despedidos ao longo deste inverno. "Sen ningunha explicación. Chegaba a carta e fora", apunta María Rodiño. Moitos dos traballadores foron aos tribunais e a xustiza deulles a razón."Son despidos improcedentes e en moitos casos apostase pola reincorporación. O problema é que non sabemos onde reincorporarnos", aclara.
Os 200 traballadores que quedan son, principalmente, veterinarios e operadores-codificadores do centro de Información do Agro Galego, que se encargan de tramitar diferentes permisos, como os de tala ou queima. "E ata se están reducindo estes servizos ao mínimo". E é que a Xunta quere pechar definitivamente o Seaga o 31 de marzo, que é cando remata a encomenda, e entregarlle as chaves desta empresa a entidades privadas.
Actos simbólicos
"O PP non atende, a Xunta non responde e aquí ninguén nos dá unha explicación", di María. Por iso, a única vía que lles queda, ademáis da xudicial, é a parlamentaria. Acudiron ao BNG e ao PSOE para que sexan estes partidos os que lle pidan as explicacións oportunas ao Goberno na Cámara. "A ver se así responden".
E para que a súa "dignade" tampouco sexa esquencida comezaron a realizar mobilizacións simbólicas como a deste xoves en Santiago co peche simbólico da Porta Santa. "Só queremos que a Xunta nos reciba, non pedimos máis", asegura María.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.