Temas: MúSICA

Escoita o début de Esposa, pop soñador en galego

A prometedora banda presenta o seu primeiro LP "Xardín Interior" este venres 31 de marzo en directo nun concerto acústico gratuito na REIXA TENDA/MATRIOSKA de Santiago de Compostela.

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 29/03/2017 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

Esposa publican o seu primeiro álbum de estudio, “Xardín Interior”, o venres 31 de marzo co selo discográfico Prenom. A banda, afincada en Santiago de Compostela e composta por Mar Catarina (sintetizador), Cibrán Tenreiro (voz e batería), María Villamarín (voz e sintetizador) e Xacobe González (voz e guitarra), entrega un disco de pop a cabalo entre o son británico do C86 ou Sarah Records e o garaxe minimalista de Beat Happening ou Parquet Courts, cheo de contrastes, con textos en galego nos que retratan personaxes con identidades en conflito e dúbidas xeracionais.

A banda Esposa
A banda Esposa | Fonte: Mar Catarina

Trala publicación do EP “Señora De” o pasado ano e ser o EP máis valorado do 2016 pola revista Mondosonoro Galicia-Castilla e León, Esposa confirman no seu disco de debut todo ao que apuntaban no seu anterior traballo. Producido por Bobby Perú e gravado no Estudio Terraforma de Ibán Pérez, nel conflúen melodías contaxiosas, arranxos imaxinativos, guitarras e baterías nerviosas contrastando con sintetizadores atmosféricos e inocentes, voces femeninas e masculinas confluíndo en temas eléctricos que recordan a The Velvet Underground e cancións que lembran aos Yo La Tengo máis íntimos.

Este venres 31 de marzo Esposa estarán presentándoo en directo cun acústico gratuíto na Reixa Tenda / Matrioska onde tamén se poderá mercar o disco e degustar petiscos elaborados polos propios integrantes da banda.

 

 

PRÓXIMOS CONCERTOS:

 

31/MARZO – (19:00H. Gratuíto) Presentación “Xardín Interior” + concerto acústico, A Reixa Tenda/Matrioska (Rúa do Hórreo, 46. Santiago de Compostela)

 

8/ABRIL – Melona Fest VOL.II – Sala Riquela – Santiago de Compostela

 

22/ABRIL – Peggy Records [Record Store Day] – Ourense

 

18/MAIO – Facela Fest - Lugo

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta