A sobriña de Romay e a "exclusiva" de Xornal

Por Walter Burns | | 01/03/2010

Comparte esta noticia

A web de Xornal de Galicia anunciaba este sábado unha "exclusiva" na súa edición impresa. "¿Que empresa vinculada ao PP elaborará o Plan Tecnolóxico da Xunta?", preguntaba, en castelán, xornal.com para animarnos a mercar o diario.

Unha semana antes os lectores de Galicia Confidencial xa sabían que Atos Origin gañara ese e sete concursos máis. Sabíano tamén miles de internautas que consultaron blogs e redes sociais que se fixeron eco da nova, por exemplo os miles que colaboran en Chuza.org!

Non se trata, evidentemente, dunha exclusiva de Xornal. Tampouco de Galicia Confidencial, a adxudicación é tan pública que calquera pode atopala no DOG. O primeiro medio en sinalar a multiplicación de adxudicacións a esta multinacional foi, en todo caso, ANT.

Así o recoñecía este Confidencial na primeira información sobre o caso. Non se nos caen os aneis por admitir que estamos tirando dun fío descuberto por outros compañeiros.

Se repites a primicia doutro medio, hai que citalo

Citar a quen desvela un tema é unha norma de bo comportamento no xornalismo. Lei non escrita que a miúdo os xornais impresos saltan cando quen desvela o asunto é unha publicación electrónica.

Pensarán os seus responsábeis que "Total, quen lee ese medio electrónico?". Non se dan conta que hoxe en Galicia a audiencia sumada de xornais dixitais como este a de sitios 2.0 como Chuza! é maior que o que venden os diarios nos quiscos?

Ao publicar "exclusivas" sen citar, os responsábeis deses medios impresos corren o risco de menoscabar o prestixio que, grazas ao esforzo dos seus redactores, teñen as súas empresas. Por non falar do rídiculo ante o resto de compañeiros de profesión, asiduos lectores deste confidencial.

O que desvelou en primicia, tras contrastalo, galiciaconfidencial.com é a coincidencia entre a multiplicación de contratas a ATOS coa presencia como directiva na consultora Carmen Martín de Pozuelo, sobriña do ex-ministro Romay Beccaría e ex-colabora directa de Feijóo en Correos e na Cotopv.

Feijóo recomenda non lanzar "cuestións que non son certas"

Ao presidente non lle gustou nada que se lle preguntara sobre o asunto publicamente. "Sería bo non lanzar cuestións que non son certas e afectan á honorabilidade de persoas que non poden defenderse", advertiu aos medios.

Nada publicado sobre os contratos a Atos é falso. Nin que multiplicou as adxudicacións dende a chegada ao poder, nin que varias delas gañounas sen publicidade ou dun xeito sorprendente, obtendo a máxima puntuación posíbel (10 sobre 10) en todo menos na oferta económica.

Explicar polo miúdo as circunstancias destes contratos pode ser embarazoso, pero a Feijóo vaille no soldo. Máis cando na investidura do Obradoiro prometeunos "rematar co caciquismo".

O que marca para este caso a norma  é seguir informando sobre o asunto, como facemos hoxe, e publicar as respostas do Goberno coa mesma importancia que os feitos denunciados. Así o fixemos coas versións de Feijóo e da secretaría xeral de Modernización e así o seguiremos a facer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Walter Burns Walter Burns foi editor xefe do "Chicago Examiner", unha das cabeceiras máis populares na capital dos grandes lagos no comezo de século. Formou un dos mellores tándems do xornalismo norteamericano canda o afamado reporteiro Hildy Johnson.