Por Walter Burns | O Irixo | 17/06/2010
Amigo, o presidente da Xunta éche un político intelixente. Cando remata a comparecencia ante os medios de cada xoves non marcha inmediatamente. Baixa do estrado de San Caetano e achégase aos informadores.
Dígoche máis, Alberto Nuñez Feijóó é un gran tipo. Incluso cando comeza a rolda de prensa advertindo que ten moi pouco tempo para responder preguntas, sempre atopa uns quince minutos para debater cos xornalistas. Sen micros, de ti a ti. Con Galiciaconfidencial e con La Voz.
Din que non é un político conservador normal, é diferente, un home moderno, de orixes humildes, foi aos Maristas, 'campechano', bo xestor e próximo. Vamos, a pouco que soe a frauta, o próximo presidente de España.
E de que fala o 'presi' coa precaria e atenta canallesca? Diso nada, amigo, iso non cho digo, está protexido polo off the record. Feijóo conta cousas aos xornalistas, pero os xornalistas non podemos publicar que el as contou.
Sirva esta hipótese de exemplo, por se o xoves che toca ir cubrilo. Se Feijóo se achega e che solta que a Xunta mercoulle a Carrumeiro carpetas de coiro a 400 euros, ti podes buscar probas, pero non titular "Feijóo asegura que una empresa próxima al BNG se lo llevó crudo de la Xunta".
Que iso é intoxicar? Que se ten algo que dicir o faga diante dos micros?
Lamento que penses así, compañeiro, que eu deses corrillos saquei grandes exclusivas. Ía pórche un exemplo. Mágoa que agora mesmo non me lembre de ningunha, polo menos de ningunha que acabase publicando.
Tampouco entendo porque te enfadas cando no corrillo critica abertamente a liña editorial de tal medio, ou cando se mete coas informacións que hoxe asinaron algúns compañeiros.
Eles están diante, de corpo presente, poden defenderse. Non é tan difícil rebater ao home máis poderoso do país, escoltado polos seus lugartenentes repetindo como un mantra "el único que lo enfocó bien fue el ABC".
Amigo, non te cabrees, Feijóo é un bo fulano. Ten todo o dereito a criticar os teus titulares e a dar leccións de xornalismo todos os xoves as 13:30 en San Caetano.
A ti que che importa? As clases son gratis e, como na universidade, a asistencia non é obrigatoria. Pero mírao ben, din que puntúa.