Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2017 | Actualizada ás 19:17
A Xunta someteu a información pública a proposta para declarar a Fraga de Casas Vellas, situada no municipio pontevedrés de Lalín, como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). Este luns o DOG publica a proposta de resolución, polo que queda aberto un prazo de 20 días para a presentación de alegacións.
Esta fraga estivo a piques de ser alterada pola construción de varias torretas de alta tensión que puñan en perigo a súa biodiversidade. E iso, a pesar de que xa fora declarada como Lugar de Interese Paisaxístico.
Segundo informou o Executivo autonómico nun comunicado, este luns quedou sometida ao período de información pública a "proposta de declaración provisional" deste enclave como ENIL, distinción que recoñece os espazos naturais "de particular valor, interese ou singularidade".
A Fraga de Casas Vellas conta con "diversos hábitats de interese comunitario" coa presenza de montes de castiñeiros, de carballeiras galegas e de vexetación riparia. O espazo que abarca a declaración da zona como ENIL vai desde a parroquia de Santiago de Catasós á zona de Casas Vellas.
Agora, tras a publicación no DOG, ábrese un prazo de 20 días para a presentación de alegacións, que deberán ser remitidas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, ente dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.