Por Manuel Vilas | Vigo | 03/05/2017 | Actualizada ás 14:00
De onde naceu a iniciativa de crear unha asociación que fomentase a crianza con apego?
Rede CRIA xorde dun soño xestado nos obradoiros de lactación do centro de saúde onde se trataban dúbidas habituais sobre lactación, crianza e alimentación que tamén se resolvían fora do horario de reunión gracias a grupos de móbil. Este punto de encontro de familias converteunos nunha pequena grande tribo que nos axudou nun dos momentos máis sensibles das nosas vidas e co paso do tempo vimos que o espacio de encontro quedábanos pequeno e que non había lugares públicos onde reunirnos cos nosos cativos e decidimos que era o momento de abrila tribo á sociedade mediante a creación da asociación.
Que déficits pretenden paliar?
Cando comeza o embarazo, as familias inician tamén un proceso cheo de parabéns e apoio por parte do seu entorno e da sociedade en xeral, pero en moitos casos unha vez nace o cativo atopan moitos consellos orientados a que non acostumen ao bebe ós brazos, a que o bebe debe aprender a ser independente para ser uns pais felices. Queremos reivindicar que o bebé merece chegar a este mundo nun entorno de brazos e amor no que se respecte o seu propio ritmo de crecemento e desenrolo.
Queremos lograr que as familias podan acceder a toda a información para que a súa crianza sexa consciente e razoada. Empoderar ás familias as axudará a reivindicar ós seus dereitos en todo momento.
No seu manifesto vostedes denuncian que "moitos profesionais van en contra das recomendacións oficiais á hora de falar sobre lactación materna e crianza, aconsellando e impoñendo medidas que dificultan un san desenvolvemento dos/as nenos/as no ambiente e condicións que precisan para medrar coa mellor alimentación". Por que cre que aínda hai médicos e as matronas que teñen pouca paciencia á hora de fixar a lactancia materna, malia que a OMS recoméndaa en exclusividade até as 4 meses?
En realidade a recomendación actual da OMS é de lactación exclusiva e a demanda durante os 6 primeiros meses de vida do cativo. Lactación exclusiva sexa materna ou de fórmula sen introducir auga ou outros alimentos ata pasado o medio ano.
E aínda que estas indicacións veñen avaladas pola OMS e a AEP, moito persoal médico non se informa conforme os novos estudios e por iso continúan con recomendacións totalmente desactualizadas o cal leva a moitas familias a saír das consultas con medos, inseguridades e preocupacións. Para acadar unha lactación exitosa é preciso confiar na nai e no bebé e dotalos dunha rede de apoio na que os sanitarios, así coma a familia, son unha peza fundamental.
Trátase dunha asociación de ámbito local, Vigo, ou buscan socios noutras áreas?
Nacemos en Vigo pero temos orientación autonómica así que todo interesado na asociación con domicilio en Galicia e que comungue cos nosos principios e manifesto é benvido.
Que avantaxas trae facerse socio?
A asociación aínda está nos seus primeiros pasos, pero como proxectos está a creación unha biblioteca de préstamo para socios, a colaboración con tendas amigas que sigan a nosa filosofía e acceso a tódalas actividades que realice a asociación: encontros, obradoiros, tribo...
Cantas persoas participan arestora?
Rede CRIA naceu con 27 socios fundadores, e xa comezamos a recibir solicitudes de novas adhesións. Tódala información sobre as actividades se publicará na nosa páxina.
Podería definir brevemente para un neófito que é a crianza con apego?
Trátase dun modelo de crianza baseado no amor ó cativo, aceptando que o máis seguro para un bebé é estar cos seus pais e entender que cada un ten un ritmo de crecemento propio que hai que respectar. Temos que entender que a sociedade actual anima a ter fillos pero logo os nenos non son benvidos, de modo que non existe un tecido social para una crianza que cubra as necesidades dos menores.
É compatible este modelo con levar ao bebé a gardería?
Así as garderías si son compatibles con este tipo de crianza xa que para moitas familias son indispensables porque as baixas e a conciliación non lles permiten outra opcións.
A crise demográfica é un dos grandes problemas que sofre Galicia. Na vosa opinión, que medidas concretas necesitarían as familias para fomentar a natalidade?
Son precisas medidas máis estruturais: unha ampliación das baixas maternais e paternais, conciliación familiar, axudas ás PEMEs para a contratación... Pero tamén máis prazas de gardería, prezos máis adaptados e mellores horarios.
Que lles parece a axuda de 100 euros ao mes instaurada pola Xunta?
A tarxeta benvida é unha boa iniciativa, ainda que a súa saída foi moi convulsa polas limitacións de uso e o retraso co que se entregaba; son 1.200 € por fillo, unha axuda para os beneficiarios pero ningunha familia pensará na descendencia por esta tarxeta.
No referido as políticas familiares, existe o debate sobre se os permisos de traballo por nacemento dun fillo deberan ser iguais entre pais e nais e non transferíbeis. Cal é a súa opinión ao respecto?
A igualdade das baixas de maternidade e paternidade axudaría a que non exista a discriminación da muller no entorno laboral e unha implicación maior dos pais no coidado dos menores. Pero ademais da ampliación dos permisos, a conciliación ou facilidades de teletraballo, son fundamentais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.