O xornalista Nacho Mirás, homenaxeado na facultade na que impartiu docencia

Ciencias da Comunicación pónlle o seu nome na aula na que impartiu a materia práctica de Redacción Xornalística.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/05/2017 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

O xornalista Nacho Mirás ocupa dende este mércores 3 un espazo de seu na Facultade de Ciencias da Comunicación ao dar nome á aula onde impartía a materia práctica de Redacción Xornalística. 

Nacho Mirás na presentación do libro 'El mejor peor momento de mi vida' na USC
Nacho Mirás na presentación do libro 'El mejor peor momento de mi vida' na USC | Fonte: USC

A inauguración deste espazo que lembra ao xornalista finado a finais de 2015 quedou formalizada oficialmente coa colocación dunha placa coa nova denominación da Aula. Durante o acto, a xornalista Ainhoa Apestegui, en representación da familia de Nacho Mirás, lembrou a ilusión e o cariño co que o informador acudía a impartir esta materia e como animaba aos alumnos a pesar da mala situación laboral da profesión.

Tamén interviron o vicerreitor e profesor desa facultade, Xosé Pereira; o decano do centro, Xosé Ramón Pousa; e Darío Janeiro en representación do Colexio de Xornalistas. Os tres destacaron a valía e a entrega de Nacho Mirás no desempeño da profesión xornalística.

Este foi un dos actos principais cos que a Facultade de Ciencias da Comunicación conmemorou este 3 de maio o Día da Liberdade de Expresión. A xornada contou coa participación de numerosos compañeiros e alumnos do centro e súmase a outras iniciativas que tanto dende a propia Facultade como dende o Colexio Profesional manteñen viva a lembranza sobre a figura de Nacho Mirás.

Ainoha Apestegui, Xosé Pereira, Xosé Ramón Pousa e Dario Janeiro no acto de homenaxe a Nacho Mirás na Facultade de Ciencias da Comunicación
Ainoha Apestegui, Xosé Pereira, Xosé Ramón Pousa e Dario Janeiro no acto de homenaxe a Nacho Mirás na Facultade de Ciencias da Comunicación | Fonte: USC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta