SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2017 | Actualizada ás 12:24 por EUROPA PRESS
Os edificios públicos do concello coruñés de Ames serán, a partir deste xoves, "máis comprensibles" para as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) grazas ao programa de accesibilidade congnitiva promovido pola Federación Autismo Galicia e que suma máis de 2.000 pictogramas colocados en toda a Comunidade galega.
Desta forma, os dous principais núcleos de poboación de Ames, Milladoiro e Bertamiráns contan desde este xoves con 521 pictogramas en espazos do municipio.
No caso de Bertamirán colocáronse pictogramas no Concello, na Casa da Cultura, Servizos Sociais, Biblioteca, piscina municipal A Telleira e pavillón deportivo.
No caso de Milladoiro, colocáronse pictogramas en puntos como as oficinas xerais e Servizos Sociais, na Casa da Cultura, pavillón deportivo e Biblioteca municipal.
Segundo explica Autismo Gailcia, "as persoas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) son pensadores visuais", polo que comprenden mellor a información que se presenta de forma visual. Por iso, para facer a súa contorna máis accesible utilízanse os pictogramas, que son debuxos sinxelos que representan obxectos e accións de maneira simplificada.
Este sábado, 20 de maio, terá lugar tamén no municipio de Ames unha xornada sobre Trastorno do Espectro do Autismo, na que se darán a coñecer os resultados dun estudo levado a cabo polo investigador da Universidade de Santiago Marcos Pinaque, sobre o grao de implicación socioeducativa das persoas con TEA na provincia da Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.