“Hai que seguir dando pasos cara a reunificación da Fruga e o SLG”

O presidente do sindicato agrario Fruga aborda nesta entrevista as eleccións aos consellos reguladores, que artellan boa parte do poder económico e político no rural. Xurxo Álvarez estima que presentarán listas conxuntas nun 90% das eleccións canda o tamén nacionalista Sindicato Labrego Galego (SLG). O eucalipto, o esperado novo plan forestal e a couza guatemalteca son outros dos temas desta conversa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/06/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Vostedes xa anunciaron que están a traballar para que haxa candidaturas conxuntas nos consellos reguladores das denominacións de orixe entre os dous sindicatos de ideoloxía nacionalista, vostedes e o Sindicato Labrego Galego. Como van esas negociacións?

Mobilización da FRUGA
Mobilización da FRUGA | Fonte: GC

As negociacións van ben se non é no 100% dos Consellos Reguladores é nun 90% dos Consellos, onde participamos en forma de coalición electoral entre as dúas organizacións.

Xa pasaron os seus anos dende que rachou o SLG e naceu a Fruga. Indica este diálogo para os Consellos Reguladores que está aberta a porta a unha eventual reunificación?

Hai que seguir dando pasos nesa dirección é moito máis o que nos une, xa que nos problemas fundamentais do agro temos grandes coincidencias, en definitiva, hai que darlle tempo ao tempo.

Explíquelle a un neófito do sector agrario que importancia real teñen eses consellos reguladores.

Xurxo Álvarez , presidente de FRUGA
Xurxo Álvarez , presidente de FRUGA

Velar pola calidade e promoción dos produtos amparados baixo as denominacións de orixe dado que son produtos de gran calidade e ben acollidos no mercado, así os Consellos Reguladores tratan de defender os intereses do sector produtor e o sector transformador para así repartir os beneficios dun xeito equitativo.

Por que se tardou tanto, como 20 anos, en organizar eleccións ao Consello Agrario?

Tras 20 anos pensamos que realidade social, económica e política mudou substancialmente,Nese Consello Agrario incluso teñen representación organizacións que xa non existen e xurdiron outras novas como é o caso de FRUGA que non temos voz nin voto. Deste xeito o Partido Popular atópase moi cómodo sen apenas ter que dar explicacións da súa nefasta política para o agro e o medio rural galego. Esta situación entendémola como unha aberración democrática.,

Hai nada entrevistamos a  Manuel Marey  da Asociación de Produtores de Montes de Castroverde, ao fío dos supostos plans da Xunt apara limitar o eucalipto nalgunhas zonas do interior. Díxonos "Prohibir o eucalipto é unha medida cosmética para congratular ao electorado urbano desinformado”. Que lles parece esta afirmación? 

Descoñezo os intereses deste señor para realizar tales afirmacións, pero non creo que sexa moi construtivo chamarlle desinformados a unha parte da cidadanía galega polo lugar onde viva, ademais as cidades construíronse con xente que marchou do rural, nin creo que sexa moi construtivo promover o enfrontamento entre persoas polo lugar da súa residencia, dende logo non vou ser eu que alimente ese tipo de debates, . Por último, quero destacar que tradicionalmente o eucalipto non foi unha árbore moi ben vista que se diga pola poboación do rural, outra cousa é que nos últimos anos o deterioro e abandono da agricultura pois está provocando cambios na mentalidade da poboación.

Cal é a postura da Fruga sobre a plantación de eucalipto nos montes galegos?

Dende o goberno galego non se está facendo un debate correcto e profundo ao respecto desta cuestión, onde observamos como Feijóo dá bandazos dun lado a outro máis pendente dos intereses partidarios que do país, onde pasa o tempo é non se concreta nada de nada. Facemos a seguinte reflexión, que pasaría se mañá ENCE pecha as súas portas? Cuestión esta nada descartable se temos en conta a gran contestación social que esta industria ten na poboación da súa contorna, ou que teña que pechar por problemas económicos ou de calquera outra índole. Que lle facemos logo a todos eses millóns de toneladas de eucalipto? Por certo xa ninguén fala de pechar o ciclo do papel, xa que cómpre recordar que en ENCE faise a pasta de papel pero o papel faise en países centroeuropeos. Isto xera moito emprego e non é tan contaminante.  Por outro lado tamén nos consta que dende sectores de industria da madeira que traballan con outras especies que non son o eucalipto, e dicir, castiñeiro, piñeiro, están ollando con certa preocupación a expansión do eucalipto deste xeito tan desmesurado e polo tanto está ocupando nichos que tradicionalmente eran ocupados por outras especies. Logo tamén hai que destacar que o eucalipto fai que os incendios sexan moito máis virulentos, perigosos e moito máis difíciles de apagar. Pensamos que fai falla un novo plan forestal, ao que Feijóo fai referencia constantemente pero non sabemos nada del, e que sexa consensuado con todos os axentes sociais implicados, industria, propietarios, ecoloxistas, organización agrarias, sector turístico… O eucalipto ten que estar supeditado a unha ordenación do territorio coherente onde temos que apostar pola multifuncionalidade do monte e a todas luces que o goberno Feijóo non está a altura das circunstancias, adicándose unicamente a facer anuncios.

Moitos sectores agrarios, nomeadamente o do viño, sufriran enormes perdas este año polas xeadas desta primavera. A Xunta respondeu as peticións de axudas directas prometendo créditos, pero insistindo que a única solución real é que os produtores contraten seguros agrarios. Que lles parece este argumento?

Os seguros agrarios non cubren economicamente os danos por xeadas, xa que habería que adaptar eses seguros a nosa realidade pero claro iso sería para o vindeiro ano.

Que lle diría á Xunta logo?

En primeiro lugar hai que recriminarlle á Xunta de Galicia é que aínda a día hoxe non ten cuantificado e valorado a superficie afectada, para facer unha cuantificación aproximada das perdas económicas e polo tanto que impacto vai ter na economía da zona este problema. En segundo lugar, os créditos dos que fala a Xunta de Galicia é un negocio para os bancos e o que defendemos é axudas directas, aprazamentos dos pagos dos créditos pendentes polo menos durante un ano así como aprazamentos nas cotas da seguridade social.

Outro sector de actualidade é o da pataca, debido a couza guatemalteca. Cren que as medidas do Goberno conseguirán eliminar o parásito ou limitar a súa expansión? 

Chegou a couza, non se tomaron as medidas de maneira rápida e a pasou de dous concellos a 35 concellos, baixo o noso punto de vista é unha medida que chegou moi tarde por deixadez da Consellería de Medio Rural e do Gobernos de Feijóo. De todos os xeitos que continúen coas medidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

10 antón de guizán

Agora que Milucho ten a vida resolta, pode ser posible

9 LKI

Lume aos traidores da FRUGa! Viva o SLG-Comisións Labregas!

8 Camarada Schweik

Fomos un dos berces de Europa poñendo en contacto a través do Camiño de Santiago xentes de todas as procedencias. Creamos unha vizosa literatura medieval; a nosa lingua era usada en todo o territorio do Reino de Galicia, León e Castela coma lembraba o marqués de Santillana no século XIV; conseguimos que Compostela fose unha das tres metas da cristiandade; adaptamos as patacas e o millo ás araxiñas atlánticas e a onde fomos polo mundo creamos asociacións para axudar aos nosos e aos outros. Os meus antepasados axudaron a construír esta marabilla: https://gl.wikipedia.org/wiki/Centr... E seguro que moitos dos vosos. Non habemos de ser quen de unirnos polo noso futuro e o dos máis novos. Por favor, fratres Gallaeciae volvede os ollos á vella Jacobusland e decatádevos que é dende ela dende onde habemos de contribuír a un mundo mellor.

7 Camarada Schweik

E en xeral, non estaría de máis a unión e o diálogo entre todos os que compartimos esperanzas e desexos dunha Galicia progresista que acade un desenvolvemento sostible que permita crear riqueza. Os tempos están a mudar e só os necios non perciben o zunido do cambio... http://www.sermosgaliza.gal/opinion... Se temos intelixencia, perspectiva e unidade quizais nesta esquiniña da vella Europa sexamos quen de conseguir crear un mundo mellor para nós e para o resto porque o cambio empeza por pensar globalmente e actuar localmente. Digamos adeus ao minifundismo e abramos as portas ao talento que temos, deixando atrás vellos complexos.

1 Failde

Falou a Kollona do Bloque! Por triplicado ou máis... Novo nick e bellas formas. Vai amosando disimuladamente a patiña, para despistar incautos que despois caen na trampa. Que necesidades haberá para ocultar a identidade? Enganar incautos! Tanto medo a ser recoñecida? Ou inseguridade no discurso tan intelixente e útil? Cheira a raposa!

2 Ana

Camarada Schweik (sic, mais o 'i' debera ser 'j'), Pasabaporaquí, Nefelibata, Kollontai..., manifesta troleria e clara inseguridade! Repetición até o aburrimento, comentários a mancheas..., debilidade de argumentos! Non, non vai querer que a descubramos, sería triste asumir publicamente o seu papel de mandada.

3 Mame das Zocas

Eu tamén te quero. https://www.youtube.com/watch?v=d-d... Keep calm! A ver, contestaríache, pero mira, gaña o teu soldo ti ou mantén o teu perfil de trolliños?/trolliños? varios... Creo que todo o mundo pode ver na vosa desesperación o voso temor a unha unidade entre os progresistas galegos... Ao final, vai ser certo o de que os extremos se tocan. Non vou contestar máis a insultos e comentarios carentes de argumentos. Se vos proe, botádelle a culpa a Mame, amados meus trolliños e/ou desesperados... https://www.youtube.com/watch?v=xBI... Ah é por certo, Ana, xa tiveches o teu momentiño de gloria. Sabes checo tamén? Non quería ofender ao meu admirado Švejk e por iso mudei un pouquiño o nome... Pero mira, tiveches un momentiño de gloria. Por certo, os seudónimos son xogos... A vos non vos gusta xogar? Que aburridos e grises!

4 Mame dos violíns

Por certo, se os meus argumentos son tan débiles, vaites coma o pensamento aquel, refútaos e non ameaces... Ou éche triste asumir o teu papel a ti tamén? Careces de argumentos, Ana? Non pasa nada, muller, todo ten remedio nesta vida. Pasa unha boa fin de semana... Anímate, baila debaixo da chuvia, por exemplo, mentres escoitas os sons dos violíns... https://www.youtube.com/watch?v=Nx0...

6 Camarada Schweik

Son moitos os erros cometidos, pero é preciso crer na esperanza e na unión. O agro galego pode ser un verdadeiro dinamizador da economía. Modelos hai por Europa adiante e tentáronse co bipartito, agora só cómpre explicalos sen caer no desánimo e buscar a unión. Só hai que ver coma fungan rosmóns diversos para decatarse das enormes posibilidades que esta ofrece.