Os fouciños audiovisuais toman Baio en xullo

Esta localidade da Costa da Morte acolle unha nova edición dos Premios Fouciño, que ten como obxectivo premiar a creatividade dos estudantes da Costa da Morte.

Por Galicia Confidencial | Baio | 06/06/2017 | Actualizada ás 10:57

Comparte esta noticia

A Asociación Cultural Adro de Baio acaba de poñer en marcha a segunda edición dos Premios Fouciño, unha innovadora iniciativa que ten coma obxectivo, por segundo ano, premiar a creatividade dos estudantes da Costa da Morte.

O cineasta Jorge Coira e a guionista Araceli Gonda estiveron na primeira edición do festival Fouciño
O cineasta Jorge Coira e a guionista Araceli Gonda estiveron na primeira edición do festival Fouciño

Os interesados en participar poden enviar as súas pezas antes do 30 de xuño enviando un correo electrónico a premiosfoucino@gmail.com no que, baixo o asunto “Concurso Fouciño” anexe a peza audiovisual ou o enlace para poder descargala e a folla de inscrición que aparece nas bases do concurso que se poden consultar na páxina de Facebook do evento (www.facebook.com/premiosfoucino). No concurso poden participar todas aquelas obras –de calquera xénero-- que estean en galego (ou no seu caso subtitulada) e que non supere os 5 minutos de duración. A temática é libre.

No concurso hai dúas categorías; unha aberta, para o público en xeral, e outra para o alumnado de centros de ensino de secundaria. A organización xa contactou con distintos institutos da Costa da Morte cof in de ofrecerlles unha charla aos estudantes e aconsellalos na elaboración das pezas.

8 de xullo, día do festival

Haberá proxeccións de documentais cedidos na semana do 1 ao 9 de xullo. O festival é o día 8 de xullo en Baio. Comezará cunha mesa redonda na que estarán Lucía Regueiro, coñecida actriz de Serramoura. Lucía –que exercerá de madriña da cerimonia--, Carmen Rey de Numenius, un proxecto audiovisual responsable da campaña MZ para a promoción de Mazaricos (o seu concello) e Miguel Martínez realizador vocacional de Baio responsable do Fouciño Sanghento a primeira longa da Costa da Morte e o berce dos Premios Fouciño, entre outros.

Logo haberá exhibición das curtas a concurso e clausura con festival de música e regueifas. Participarán os escolares regueifeiros do CEIP Labarta Pose de Baio e haberá actuacións musicais a cargo dos grupos Oíma (de Baio), Leo i Arremecághona, Atrás Tigre e Mounoulious Dop (que veñen presentar disco) e o peche de festa con The Fakes (de Baio tamén). 

Os premios, que se entregarán o 8 de xullo no marco dun festival, serán de 500 euros e un trofeo para a categoría libre e un trofeo e 300 euros en bonos canxeables en establecementos de Baio para a categoría de institutos. O público tamén votará pola súa obra favorita durante a proxección das pezas que se fará o propio día do festival en distintos comercios da vila.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta