Por gcdeportes | Vigo | 09/06/2017 | Actualizada ás 08:30
Unha directiva que comeza un proxecto sobre “a soberbia, a traizón e a mentira”; “unha directiva que, cando menos socialmente, non fai máis que perder partidos”; unha directiva “cunha total falta de vontade para chegar a un entendemento” que dá “de novo as costas a súa masa social”; unha directiva que “enmascara a subida de prezos por sexto ano consecutivo”, unha directiva que “anula as condicións pactadas cos antigos socios de Preferencia”... A afección celeste está en pé de guerra contra o consello de administración do club no arrinque da campaña de abonados pola suba dos prezos e pola bancada de animación denominada Grada 1923.
“Consideramos que unha bancada de animación non debe tratarse de algo imposto baixo as condicións de aqueles que, precisamente, xamáis deron un grito de alento. Esta, debe ser froito do diálogo, da comunicación e da posta en común das ideas das persoas que a van integrar, pero de ningún modo debe nacer da soberbia, da falta de talante, da traizón e da mentira dunha directiva que, cando menos socialmente, non fai máis que perder partidos”.
Preto de 40 peñas celestes emitiron este xoves un duro comunicado co título 'Embarcados nunha nova decepción’ no que critican o club tralas condicións impostas para formar parte da bancada de animación (Grada 1923). Os seareiros laianse de que no Celta tomaron a decisión de botar por terra “unha demanda histórica que tanto tempo levaba demandando boa parte do celtismo”. Critican que a reunión entre a entidade e as peñas para aportar “propostas e suxestións” non servise para nada. Acordouse unha segunda reunión, “pero dita reunión nunca chegou a ter lugar e escasos días despois atopámonos cunha serie de medidas innegociables, inamovibles, sen dereito a réplica, con nulo marxe de manobra e lonxe do que a afección quere e precisa”.
As peñas rexeitan as limitacións pola idade ou a obriga de asistir a un número determinado de partidos. “Non fan falla imposicións nin normas, simplemente é suficiente ca vontade que nace de dentro de aqueles que se pasan a semana enteira pensando en como apoiar ao noso club”.
Os colectivos celestes, tras concluír que “a nosa visión da bancada ideal dista moito do proposto", aseguran: “Os nosos principios fan que nos vexamos na obriga de rexeitar abertamente as condicións da actual Grada 1923 e animamos a todo o celtismo, tanto peñas como particulares, a facer o propio”.
As peñas tenden a man ao club para retomar o diálogo: “Apostamos unha vez máis por un proxecto democrático, popular accesible economicamente, aberto a todo o mundo e xestionado integramente polas persoas que participan nel. Un proxecto cunha estratexia veraz, de futuro, con valores, coherencia e orientada a medrar, a animar e sobre todo a seguir crreando vínculos entre a nosa xente.
Firman o comunicado as peñas Allariz celeste, Arribada celeste, Balu Cel, Burgalegos, Celtabirras, Celtas do Verdugo, Celtilikos, Esmorga Zeleste, Futbol de salón, Irmandinhos, Lechuzas celestes, Lío en Río, London Celtas, Morriña celeste, Norte celeste, Os do banco, Os tabernícolas, Peña Afouteza, Peña Celtista de Ginebra, Peña celtista de Mallorca, Peña celtista de Viveiro, Peña celtista do Ribeiro, Peña celtista Iago Aspas, Peña celtista Pipotiño do Ribeiro, Churrascos celestes, Peña Jorge Otero de Nigrán, Peña Natxo Insa, Peña Vilagarcía Dani Abalo, Peña X:M Alvelo de Ribeira, Porcos Celtas, Preferencia celeste, Sky Blue Thistles, Sobran os motivos, Teixugos celestes, Tropas de Breogán e Zeru Urdin Bilbao.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.