Por E.P. | A CORUÑA | 22/06/2017 | Actualizada ás 11:05
O seguimento do paro convocado este xoves no sector do metal na provincia da Coruña é do 90%, segundo informa CC.OO, que eleva a un 100% o seguimento nos polígonos industriais de Ferrol, Fene, As Pontes, Santiago de Compostela e A Coruña. Pola súa banda, a CIG subliña que o seguimento é "practicamente total".
Xunto cos paros, en defensa dun convenio "digno e con dereitos", as centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG convocaron, ás 12,00 horas, unha concentración na Coruña, ante a sede da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). Á mesma hora, haberá unha manifestación en Ferrol, desde a praza de España, e en Santiago de Compostela, na Asociación de Empresarios do Tambre.
Trátase, segundo as centrais convocantes, CIG, CC.OO e UGT, dunha xornada "histórica" xa que hai 25 anos que non se convocaba unha folga xeral nos centros de traballo con este convenio.
O paro, ao que están convocados 18.000 traballadores, comezou ás 22,00 horas deste mércores e terminará na media noite deste xoves.
COMARCAS DA CORUÑA E BERGANTIÑOS
Mentres, CIG-Industria cualificou de "rotundo éxito" o seguimento da folga nas comarcas da Coruña e Bergantiños. Nun comunicado, asegura que a incidencia do paro é "practicamente total nas empresas con maior volume de traballadores e produción".
Como exemplos, cita o caso da siderúrxica da Laracha, Celsa Atlantic, "onde case o 100% do persoal está en folga" ou o as empresas Horta Coslada e Metalúrgica Galega. Xunto a estas, engade que "a totalidade do cadro de persoal de Emesa en Coirós secunda o paro".
Por outra banda, indica que a folga está a rexistrar "unha alta porcentaxe de seguimento" nas principais contratas de telecomunicacións e enerxía que operan na Coruña.
Entre outras, cita a Liteyca, Semi ou Comfica, empresas que fan o mantemento e instalación de liñas para multinacionais como Movistar, R ou Vodafone ou Elecnor, que, entre outros servizos, leva unha parte do mantemento das liñas eléctricas de Gas Natural Fenosa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.