Temas: TURISMO GOLF

A Xunta gastou máis de 300.000 euros desde o 2011 en fomentar torneos de golf sénior

Turismo de Galicia destaca que serve para “promocionar” un turismo especializado. Desde o 2011 ata hoxe aumentou case un 20% o orzamento para este campionato no que se lle ofrece aos participantes “viño galego ou romaría típica de Galicia de benvida”.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 10/07/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O golf é saúde, actividade deportiva e aeróbica, que no caso de Galicia se materializa en campos totalmente integrados na natureza e na paisaxe pura e verde característica da nosa comunidade". Deste xeito tenta vender a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia un campionato de golf sénior que leva impulsando ininterrumpidamente desde 2011 e para o que xa destinou máis de 300.000 euros.

Campo de golf do Aeroculb de Santiago
Campo de golf do Aeroculb de Santiago | Fonte: santiagoturismo.com

De feito, busca xa empresa adxudicataria para o VII Circuíto de golf sénior que terá lugar en 2017 e para o que subiu o orzamento nun 15% con respecto ao do ano pasado. Así, destinará case 58.000 euros sen IVE para impulsar este deporte en Galicia, cando en 2016 foron 49.500 euros. Un orzamento que foi aumentando ano tras ano, pasando dos 44.000 dos primeiros anos, a 39.000 en 2013, 37.000 en 2014 para situarse en case 60.000 o vindeiro ano.

Este evento conta coa colaboración da asociación Galicia Destino Golf, que representa ao sector empresarial do turismo de golf en Galicia. A Xunta insiste en financiar este tipo de torneos porque, asegura, “é un evento de referencia a nivel nacional grazas ás cinco edicións anteriores”, celebradas dende 2011, o que “contribuíu a posicionar Galicia como destino de golf e, concretamente, entre o público sénior, maior de 50 anos”.

Turista de “tempo e recursos”

Neste sentido, o obxectivo de Turismo  atraer a Galicia a este turista, “que dispón de tempo e recursos, e poñer á súa disposición unha oferta de calidade non só en torno a este deporte, senón tamén en canto ao termalismo e á enogastronomía”.

Campo de golf
Campo de golf

A Xunta salienta que aposta por esta combinación para consolidar a oferta diferencial da Comunidade, atendendo ás demandas deste público “xa que o termalismo e a enogastronomía son aspectos moi valorados polo xogador sénior de golf.” De feito, a celebración desta actividade está programada no Plan de Acción da Estratexia de Turismo de Galicia como unha medida para “desenvolver produtos turísticos especializados dirixidos a segmentos de público específicos que articulen un turismo multiexperiencial xa que atraerá novos fluxos de visitantes e axudará a erradicar a estacionalidade da demanda turística”.

Precisamente, en abril deste ano Turgalicia impulsaba o VII Torneo Peregrinación de golf co obxectivo, tamén, de "traballar a tríada de golf, termalismo e gastronomía". Os xogadores do torneo tiveron a oportunidade de gozar doutras actividades que incluíron un cruceiro pola ría de Vigo e unha visita ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, entre outras propostas.

No caso do Circuíto de golf sénior, os participantes disfrutarán no primeiro día de “viño galego ou romaría típica de Galicia de benvida”, así como polos, guantes e bolas de golf ou toallas personalizadas coa marca Galicia.

Críticas da oposición

Sen embargo, e a pesar de financiar este torneo, Turismo de Galicia non ten presentado ningún informe sobre as contrapartidas turísticas ou económicas que este tipo de torneos teñen deixado na economía galega.

Por iso, Este tipo de concursos xa foi criticado no pasado pola oposición. En 2012, era o ex deputado José Manuel Lage Tuñas quen falaba da "hipocrisía" do PP e os recortes públicos. "Cren que lles poden dicir aos empregados públicos, ao persoal sanitario, ás persoas que traballan na dependencia" que deben asumir "sacrificios" cando "vostedes se dedican a promocionar circuítos de golf?", preguntaba o parlamentario na Cámara.

"Vostedes, que poñen nun documento público que os fondos da Xunta deben servir de ponte entre a industria do golf e a industria turística local veñen aquí propoñer unha lei de recortes, cando se está a consumar o desbalde, ou como se lle chama a isto?", cuestionaba.

Temas: TURISMO GOLF
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

6 Ana Polpot

E...? Normal que o van gastar en billarda ou na nova moda para furgoleiros acomplexados do futebol gaelico XD

5 Tiger Woods

Prexuicioso? Por favor, investiguen e expoñan os estudos de retorno económico.

4 galegoexiliado

Pois xa era hora de que os que mais impostos pagan reciban algo a cambio. Xa está ben de financiar políticos, mochileros, turigrinos e perroflautas.

3 Mona

Podían gastar algo do diñeiro público que reciben en poñer en galego a súa web. http://www.fggolf.com/

1 aAHq

Concordo. A Xunta deberia esixirllo.

2 Balbino Fernández

Non, Comunista Independentista defende a liberdade idiomática das sociedades e das empresas privadas. Así o repetiu até cansar no caso do Deportivo de La Coruña e a deixadez das Mareas de Podemos (como antes fixo PP e BNG-PSOE). E se as Mareas ou o BNG non o fan, agardades que o faga o PP? Nunca, viva a liberdade da empresa privada para usar e trincar do público sen ofrecer nada á comunidade. Os "comunistas" da FPG, PCE e UPG non quere incomodar á empresa privada, o PPsoE tampouco!

3 celidonio

Os mareados do Consumista Dependentista e os do Bloque de dereitas no tema do galego predican unha cousa e comportanse como o PP cando gobernan: agachanse ante os poderosos.

2 Miguel Anxo F.

Se se está en contra das subvencións para actos lúdicos e deportivos, hai que pedir a supresión de todas, e non dunhas por prexuízos clasistas. Con todo, o certo é que está demostrado que, para a mesma contía, ten moito máis retorno económico subvencionar o golf que o cultivo do millo.