Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2017 | Actualizada ás 13:46
As citas festivaleiras continuarán no mes de setembro con eventos xa marcados no calendario estival galego como o Festival da Luz (Boimorto, A Coruña) ou o WOS Festival (Santiago de Comspotela), aos que este ano se suma unha nova cita, o Beat Out que levará o 'trap' á Coruña.
O día 1 de setembro comezará a primeira edición do que se define como o "festival máis underground" da cidade herculina, o Beat Out Festival que, dedicado á cultura urbana, encabezarán dúas dos nomes máis destacados do 'trap' --xénero musical que mestura 'hip hop' con música electrónica--, C.Tangana e Dellafuente.
A eles súmanse outros artistas estatais e galegos como Kidd Keo, Ayax Y Prok, Rels B, Demon, Fernando Costa e Freenetiks, que encherán de son as instalacións de ExpoCoruña durante máis de dez horas. As entradas teñen un prezo de 25 euros e poden adquirirse en Internet e puntos de venda físicos.
FESTIVAL DA LUZ: SOLIDARIEDADE CONTRA O CANCRO
Unha semana máis tarde, durante os días 8, 9 e 10 de setembro, a artista Luz Casal volverá impulsar na súa localidade natal, o municipio coruñés de Boimorto, unha nova edición do Festival da Luz, un evento solidario cuxa recadación, segundo indicou a organización, doarase ao Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional Oncomet do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Rosendo, Siniestro Total, Mago de Oz, Jarabe de Palo, Rulo y la Contrabanda, León Benavente o Guadalupe Plata son algúns dos artistas que pasarán polo escenario da sexta edición do Festival da Luz. Os beneficios permitiranlle a Oncomet "a contratación de persoal, instrumental e material fungible para levar a cabo o seu ambicioso proxecto de investigación no campo da biopsia líquida", tal e como destacou o festival.
Ademais dunha ampla oferta musical, durante o tres días do festival o público poderá gozar de numerosas actividades nas diferentes zonas do recinto, como a Carpa de Cinema e Teatro ou o Mercado da Luz. Tamén haberá unha zona infantil con talleres, inchables e xogos populares para nenos.
As entradas solidarias para este evento teñen un prezo de 10 euros por día, mentres que o abono para todo o festival custa 15 euros. Poden adquirirse a través de Internet ou de forma física no Concello de Boimorto, Viaxes Galitur (A Coruña), Discos Elepé (Vigo), Carnaby (Pontevedra), Peggy Records (Ourense), Don Disco (Lugo) e na Reixa Tenda (Santiago).
WOS FESTIVAL
A mesma fin de semana, do día 6 ao 10 de setembro, celebrarase en Santiago de Compostela a cuarta edición do WOS Festival, unha cita para a cultura alternativa que incluirá máis dun centenar de propostas musicais, visuais e sonoras.
As actividades, que inclúen concertos de libre acceso, terán lugar en diversos espazos únicos do centro urbano e histórico compostelán co obxectivo de "converter á cidade nunha das grandes protagonistas" do festival, tal e como destacou a organización.
Así, haberá eventos no Museo Galego de Arte Contemporánea (CGAC), no Teatro Principal, na Praza de Abastos, a Igrexa da Universidade, a Fundación Granell, así como en espazos privados como a Sala Capitol e a Sala Malatesta.
O festival destacou que para este evento xa confirmaron a súa presenza "figuras de culto" como o "experimental enfebrecido" dos portugueses HHY & The Macumbas ou un dos "nomes máis venerados no panorama internacional da música electrónica", o alemán Tolouse Low Trax. Ambos compartirán cartel con grupos como os norteamericanos Sontag Shogun ou os barceloneses Za!.
O WOS tamén levará á Cidade da Cultura ao artista alemán Robert Henke, creador dun programa informático para tocar en directo bautizado como 'Ableton Live', unha das ferramentas "máis revolucionarias" da historia da música electrónica.
As entradas para os concertos oscilan entre os 10 e os 30 euros. Ademais, hai dous tipos de abonos. Así, o pase para tres días custa 40 euros e o que dá acceso a todas as actividades durante o cinco días que dura o festival ten un prezo de 50 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.