Por gcdeportes | Vigo | 31/08/2017 | Actualizada ás 09:00
“Estamos moi emocionados porque pasou un ano xa e vemos que el segue estando tan presente”, subliñou Mónica, unha das dúas fillas de Quino, na presentación oficial, na rúa Príncipe diante do museo Marco, do II Memorial Quino Salvo, que esta fin de semana acolle Vigo. Ao acto acudiron a familia do xogador e adestrador galego, o alcalde Abel Caballero, patrocinadores e representantes dos equipos participantes. De mestre de cerimonia, Julio Bernárdez, amigo persoal de Quino e presidente da Asociación Quino Salvo.
"Unha sesión continua", deste xeito definiu Abel Caballero o programa do II Memorial Quino Salvo, que comeza o sábado cun torneo de minibásquet e remata o domingo co partido Obradoiro-FC Barcelona (12.15 horas) nas Travesas.
O torneo de minibásquet do sábado pola mañá será en Praza do Rei. En categoría feminina participarán Seis do Nadal, Compañía de María, Colexio Mariano, Salesianos, Celta e Porriño; en masculina, Novobasket, Seis do Nadal, Salesianos, García Barbón, Porriño e Marín. Pola tarde, será turno para un curso de adestradores en Navia, coa participación de Moncho Monsalve, Pepe Casal, Pepe Laso e Sito Alonso. A inscrición é de balde. Pola noite, cea do básquet galego no Auditorio Mar de Vigo.
“Só convidar a todo o baloncesto de Vigo e a toda a ciudadanía a que participen dos actos. E para nós, o máis importante, dous puntos: lembrar o noso amigo, que foi un exemplo de deportista e de persoa ao longo de toda a súa vida, e tentar de dinamizar, coa axuda do Concello, o deporte en Vigo e en concreto o baloncesto”, dixo Julio Bernárdez, compañeiro e gran amigo de Quino. E de fondo, o obxectivo de Vigo de converterse en sede permanenete do circuíto de pretempada da Liga ACB.
O alcalde vigúes quixo destacar o torneo que mobilizará a preto de 200 nenos, e que supón “a promoción da cidade vista dende a óptica do deporte de base. Estamos empeñados en promovelo e levalo adiante”. Sobre a figura homenaxeada, Caballero apuntou: “Algúns aprendemos moito de Quino Salvo a través destas accións deportivas e humanas, das condicións de xogador, de deportista ou a súa inmensa fortaleza moral e física que o converteron nun modelo na forma de practicar deporte. E esta é unha parte importante do que queremos seguir transmitindo”.
Como colofón, partido ACB Obradoiro-Barcelona, que será a segunda cita de pretempada para o equipo compostelán, despois da súa estrea onte en Rianxo con vitoria por 68-61 sobre o Porto FC do galego Moncho López. No equipo de Moncho Fernández, destacaron Nemanja Radovic (22 puntos e 8 rebotes en apenas 24 minutos), Nacho Llovet (16 puntos e 5 rebotes) e o rookie estadounidense Matt Thomas (16 puntos). Antes do partido en Vigo, o Barça xogará o venres (20.45h) un amigable en Lugo contra o CB Breogán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.