Por X.M. Fernández | Palas de Rei | 08/09/2017 | Actualizada ás 20:04
Segundo comentaron días atrás os organizadores, agora que o castelo esta restaurado e aberto ao público, chegou o momento de dar un paso máis e darlle novamente vida converténdoo no estandarte que lidere a promoción e difusión do Concello de Palas de Rei e da Comarca da Ulloa. Os veciños e colectivos que tanto loitaron pola posta en valor deste monumento, serán agora tamén os protagonistas desta nova xesta no Castelo de Pambre.
Cunha nova iluminación instalada no recinto interior do monumento e tomando como inspiración as visitas nocturnas á igrexa de San Salvador de Vilar das Donas e o Roteiro Irmandiño (nocturno) ao Castro de Remonde realizados anos atrás, idearon unha actividade de enaltecemento e promoción deste monumento, pero tamén do concello de Palas de Rei, da Comarca da Ulloa, de Galicia e dos colectivos socio-culturais participantes.
A “Noite Irmandiña” será o sábado 9 de setembro sobre as 22.00 h. e rematará sobre as 00.30 h co peche de portas do Castelo. Esta actividade nocturna contará con lectura de textos, poesía, conta contos, lendas, proxeccións de imaxes sobre o monumento, actuacións musicais, etc.
Organizan o evento o Concello de Palas de Rei e o Centro de Documentación e Interpretación da Comarca da Ulloa e colaboran Metátese Teatro e Alentía Teatro. Dependendo da repercusión da mesma valorarase a posibilidade de darlle continuidade con carácter anual ou con varias accións culturais ao longo do ano.
Todo aquel que o desexe, e por tan só un euro pode ir e volver en autobús, so ten que apúntate no Concello ou no tel. 629324528 (de luns a venres de 9 a 14 h. Prazas limitadas).
PROGRAMA:
22.00 h. Actuación COLECTIVO CULTURAL BUXAINA.
APERTURA DE PORTAS.
22.25 h. Saúdo de BENVIDA, lectura e proxección.
22.40 h. Actuación ASOCIACIÓN CULTURAL FONTE DE MERLAN.
22.55 h. Recitado.
23.00 h. Actuación CORAL POLIFÓNICA SAN TIRSO DE PALAS DE REI.
23.15 h. Recitado.
23.20 h. Actuación CHARANGA ERAVISTO.
23.35 h. Recitado.
23.40 h. Actuación ASOCIACIÓN CULTURAL 25 XASTRES.
23.55 h. Lectura e proxección.
00.05 h. Visita libre do Castelo.
00.30 h. PECHE DE PORTAS DO CASTELO
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.