Nova edición do Certame de Microrrelatos para conmemorar o día das Letras Galegas

A Xunta de Galicia e a empresa láctea galega Feiraco puxéronno en marcha días atrás.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2024 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e a empresa galega láctea Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, puxeron en marcha a XII edición do Certame de Microrrelatos para celebrar o Día ds Letras Galegas. Diso informou a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nun comunicado, no que detalla que a nova edición establece dúas modalidades de participación, unha para alumnado de secundaria (a partir de 12 anos) e outra para adultos (de 18 anos en diante).

Na categoría xuvenil, o profesorado responsable dos centros educativos deberá seleccionar o mellor relato de cada curso e presentalo en formato pdf, xunto co formulario que aparece na web: http://leiteratura.feiraco.es/. O prazo de recepción dos traballos en ambas as modalidades estará aberto ata o 18 de maio. Os textos, que versarán sobre unha temática libre, serán orixinais, estarán escritos en galego e non poderán superar as 500 palabras. Ademais, deberán cumprir o requisito de comezar pola frase ''Púxenme a escoitar", seleccionada dun texto de Villalta.

O xurado do concurso, integrado por persoal da Secretaría Xeral da Lingua e da empresa láctea, valorará a orixinalidade, a creatividade, así como o coidado na redacción e o uso correcto da lingua galega. Tanto nunha como noutra categoría establécense tres premios. A persoa a quen se lle conceda o primeiro premio recibirá un lote de produtos Feiraco, un ano de libros en galego e o agasallo da vaca suxeitalibros; a galardoada co segundo levará un lote de produtos Feiraco e un ano de libros en galego, e o terceiro será agasallado cun lote de produtos Feiraco e unha selección de libros de Luísa Villalta.

No acto de presentación, que tivo lugar este martes na libraría compostelá Follas Novas, participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen destacou que, por primeira vez, nesta edición inclúese a participación do público adulto. Iso, dixo, "sen deixar de lado a mocidade", na que considera que radica o futuro do galego e á que alentou "a soñar, crear e imaxinar na lingua propia igual que no seu día fixo Luísa Villalta".

Co representante autonómico tamén participaron o director xeral de CLUN, Juan Gallástegui; a directora do departamento de Mercadotecnia e Comunicación de CLUN, Jessica Rey; o fundador da libraría Follas Novas, Rafael Silva, e a comunicadora Esther Estévez, madriña desta iniciativa.

A Xunta e Feiraco lanza a XII Edición do Certame de Microrrelatos para conmemorar o día das Letras Galegas. XUNTA
A Xunta e Feiraco lanza a XII Edición do Certame de Microrrelatos para conmemorar o día das Letras Galegas. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta