Recomendan aumentar a presenza de animais no monte para evitar incendios forestais

A Rede Galega de Innovación Agroforestal celebrou a súa primeira reunión de traballo no Campus Terra da Universidade de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/09/2017 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

A Rede Galega de Innovación Agroforestal recomenda aumentar a presenza de animais no monte para así contribuír a prevención de incendios forestais, segundo adiantou a profesora do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago (USC) na EPS de Enxeñaría do Campus Terra e coordinadora do proxecto europeo Afinet, Rosa Mosquera.

Dúas reses equinas, nos montes mindonienses
Dúas reses equinas, nos montes mindonienses | Fonte: USC.

Rosa Mosquera realizou estas declaracións no marco da primeira reunión de traballo da Rede Galega de Innovación Agroforestal, un grupo de traballo nado ao abeiro de Afinet, unha rede temática europea coordinada pola USC que promove a innovación agroforestal mediante a transferencia de coñecemento entre agricultores, gandeiros, investigadores, asesores e administracións. Na actualidade, forman parte de Afinet un total de 13 socios de España, Reino Unido, Bélxica, Portugal, Francia, Polonia, Hungría, Italia e Finlandia, nos que xa están tamén activas nove redes autonómicas de innovacións agroforestal (RAINs), informa a USC.

A presentación de Afinet e dos seus cometidos marcou o comezo da primeira sesión de traballo da Rede Galega de Innovación Agroforestal, unha reunión que citou no edificio Cactus do Campus Terra da USC máis dunha trintena de participantes, entre agricultores, gandeiros, asesores, técnicos de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, GAIN e responsables da Oficina Galega de Cambio Climático. A posta en común e os logros colleitados tras desenvolver iniciativas innovadoras de sistemas agroforestais en diversas localidades galegas (Muras, Vilalba, Boimorto e Carballo), a análise de necesidades e problemas que presentan na actualidade os sistemas agroforestais e a proposta de solucións e oportunidades para a súa progresiva implantación no territorio galego completaron o programa matinal desta xornada da Rede Galega de Innovación Agroforestal.

A visita a unha finca experimental localizada no municipio lugués de Castro de Rei, unha parcela cunha superficie aproximada dunha hectárea e na que conviven desde hai máis de dúas décadas plantacións de pino radiata e abedul e que é obxecto de estudo por parte de investigadores de todo o mundo, serviu de colofón da primeira xuntanza de traballo da Rain galega, un grupo que comparte con todos os membros de Afinet a necesidade de fomentar a implantación de sistemas agroforestais, unhas prácticas que se antollan tan precisas en Galicia como no conxunto do contexto europeo, no que apenas un 1% do territorio é susceptible deste tipo de manexos.

Unha vez concluído este foro, a investigadora Antía Villada será a encargada de trasladar as conclusións e recomendacións acordadas pola Rede Galega de Innovación Agroforestal ao resto de redes rexionais agromadas en Afinet e que, a partir de outubro, traballarán na elaboración consensuada dunha lista de recomendacións, tanto locais como globais, que logo trasladarán aos distintos gobernos.

CAMBIO CLIMÁTICO

A profesora Rosa Mosquera, que tamén vén de ser nomeada coordinadora da sección de Cultivos Agrícolas da Alianza Global de Investigación (GRA), un órgano que integra 48 países, adiantou que os acordos adoptados por esta entidade na reunión celebrada a pasada semana en Londres favorecen a precisión das estimacións e cuantificacións das emisións de gases de efecto invernadoiro. Este feito, constitúe na súa opinión, unha ferramenta máis acaída para loitar contra o cambio climático, ademais de para minguar sos seus efectos, dado que as estimacións actuais presentan un marxe de erro de máis do 80%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 PAPUXA

Xa os hai: levan escopeta e van cheos de alcol

1 Amaro Sande

Se che parece que hai poucos... O que pasa e que van vestidos de bombeiros!