A SGHN cualifica de “indecente” a Lei de iniciativas empresariais proposta polo PP

A Sociedade Galega de Historia Natural súmase as durísimas críticas que está recibindo o texto presentado polo Grupo Parlamentario Popular polo trámite de urxencia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/09/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

"Unha proposición indecente no Parlamento Galego". Así cualifica a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) a proposición de Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, presentada polo Grupo Parlamentario Popular polo trámite de urxencia.

Parque eólico de Gamesa
Parque eólico de Gamesa

A agrupación científica dedica críticas moi duras a esta proposta lexislativa, na que "están clamorosamente ausentes os principios de desenvolvemento sociais, económicos e ecolóxicos, a protección do patrimonio natural e cultural, e a protección dos dereitos dos cidadáns afectados polas iniciativas empresariais", denuncian.

A SGHN chama precisamente a atención sobre o Capítulo II, dedicado a 'Competencias administrativas', no que os artigos 4 a 7 se contempla a implicación das "consellerías con competencias en materia de economía, vivenda, solo, avaliación e reforma administrativa, os concellos... e entre todas estas administracións brilla poderosamente, pero pola súa ausencia, a consellería con competencias en materia ambiental", advirten os científicos

Tamén chama a atención, para a SGHN, que das 82 páxinas do paquete de incentivos á instalación de empresas, máis da metade sexan de disposición derradeiras. En concreto, o reparto por páxinas é o seguinte:10 páxinas adicadas á exposición de motivos, 21 páxinas co articulado da lei, 4 páxinas con disposicións adicionais, transitorias e derrogatorias, 45 páxinas de disposicións derradeiras.

Esas 45 páxinas de disposicóns derradeiras "son as que os seus promotores precisaron para modificar nada menos que unha ducia de leis, a metade delas posteriores ao ano 2010: a de cooperativas, a da minería, a do sector eólico, a de auga, a de montes, a do solo, a de procedemento administrativo, a de taxas, precios e exaccións, a de turismo, a de estradas, a do patrimonio cultural e, por suposto, a de conservación da natureza", detalla a SGHN.

Pero aínda hai máis. Para a asociación científica esta proposición de lei está chea de "regalos envelenados" para os cidadáns, as organizacións sociais e o medio natural, comezando polas "maiores facilidades para a expropiación forzosa, ao declarar de interese público actividades empresariales estrictamente privadas", advirten.

A SGHN tamén critica e alerta da "redución á metade dos prazos de información pública para os proxectos sectoriais declarados urxentes" e a un "silencio administrativo positivo para os aproveitamentos de masas forestais poboadas das especies que non estean incluídas no anexo 1 da Lei de montes de Galicia na zona de servidume de protección do dominio marítimo-terrestre". Ese silencio do que alerta a SGHN é, "por defecto negativo por razóns de protección do medio ambiente, pero con esta decisión facilitaríanse, por exemplo, as explotacións de eucaliptos na primeira liña de costa", explican

Outro dos aspecto claves é, para a SGHN, a "eliminación do trámite de autorización administrativa" para moitos aproveitamentos madeireiros, que "se substituiría pola declaración responsable de quen a realiza, confiando así cegamente en que a declaración responsable non se convertirá nunha actuación irresponsable ambientalmente".

Nesta liña, tamén se avisa de que o PP pretende "eliminar" a autorización previa da Consellería de Medio Ambiente para os aproveitamentos madeireiros nos espazos da Rede Natura 2000, "incumprindo así a Directiva Hábitats, a Ley estatal 42/2007 e o propio Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia".

Por último, a SGHN sanciona que se pretenda "deixar a xuízo do órgano mineiro se conta con elementos de xuízo suficientes para determinar a compatibilidade do dereito mineiro con outros usos de interese público se non recibe no prazo dun mes a resposta das outras administracións públicas consultadas".

Por todo isto, e tras analizar páxina por páxina a proposición de lei, a asociación científica cualifica de "proposición indecente" este paso dado polos conservadores na Cámara galega, sumándose así á marea de críticas que está a recibir o PP por este texto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

2 anonimo

Entre Burela e Cervo hai un longuísimo paseo marítimo con estrada onde se pode ver o antieconómico que resulta plantar eucaliptos en primeira liña de nordés (bueno, bonsais feitos polo vento do mar). É dos poucos lugares que quedan con pleno esplendor de toxeiras na Mariña Occidental-Ortegal. Pero debo supoñer que unha organización de científicos coma esta xa o observaría. Tamén me pregunto se a masiva contaminación de fontes gracias ó purín e outros derivados da gandeiría tamén lle interesan a esta SGHN

1 Tixola

Vese que che sentou mal o almorzo rapaz, ou mellor vai ao especialista a que che miren. Hai tanto traballo para as organizacións ambientais que non dan a basto, pero esta lei pode cambiar para sempre a situación ambiental da nosa terra, que xa está como está. Se non es capaz de ver alén do teu nariz mellor que o deixes meu.

2 Aldeano da aldea

As leiras son túas? Pagas ti impostos por elas? Supoño que consumes produtos derivados da celulosa? E do leite? Pois entón caladiño e se queres ver toxeiras paga por elas e si te molesta el olor a vaca emigra á cidade. Pesados estes ciudadanitos....

3 Tixola

Aldeano de aldea non es, máis ben será zoquete de pobo, que visto o que escribes non sabes nin en qué día vives. Quen máis e quen menos aquí todo o mundo procede do rural, do da vosta de vaca desas que polo visto tés á porta da túa casa e tamén sobre as ombreiras.

1 tino

Máis clariño...auga....