Onde esta Santiago?

Unha canción protesta elaborada en Vigo sobre a desaparición dun activista arxentino faise viral no país austral.

Por Galicia Confidencial | Bos Aires | 19/09/2017 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Un grupo de artistas radicados en Vigo xuntáronse para a elaboración  dunha canción colectiva co fin de divulgar internacionalmente a desaparición, fai máis dun mes, do arxentino activista social Santiago Maldonado, un feito que conmove ao país austral. E agora, esa canción, feita en Vigo, tivo xa unha importante pegada en Arxentina.   

O activista arxentino Santiago Maldonado, desaparecido nunha protesta na Patagonia
O activista arxentino Santiago Maldonado, desaparecido nunha protesta na Patagonia

Con letra de Lois Perez Leira e música e produción do guitarrista, cantautor e compositor Ton Alcalde -quen esta semana marcha a Rusia a unha xira de tres meses- sumáronse a cantante viguesa Patricia Moon, a cubana Yeneir Paz e a arxentina Miriam Sandoval. A desaparición deste mozo, que salpicou ao propio Goberno arxentino, provocou que tivera repercusión mundial e a canción "¿Donde está Santiago?" converteuse en viral nas redes. Outros artistas como Manu Chao compuxeron tamén un tema alusivo. 

Maldonado desapareceu tras unha protesta  na Patagonia e houbo sospeitas de que a policía estivo involucrada. Esta semana fíxose unha proba de ADN a uns restos atopados nos vehículos policiais, e despois de analizar máis de 80 mostras non coinciden coas de Maldonado. Foi un respiro para o Goberno arxentino un respiro xa que un resultado positivo avalaría a participación da Xendarmería na desaparición. 

Unha testemuña asegurou ver como o metían nun vehículo xa malferido, coma se fora un vulto. Os axentes aseguran que non levaron a ninguén e o ADN dálles a razón, polo menos de momento. Pero ninguén sabe onde está.

Conmoción en Galicia

"O secuestro de Santiago conmoveume profundamente levándome a escribir de maneira urxente unha letra que tenta ser un berro desesperado pola súa aparición con vida", explicou Pérez Leira, ben coñecido en Vigo pola súa faceta sindical e política. Miriam Sandoval declarou pola súa banda que, como arxentina, está doída polo que sucede no seu país.

“Nunca pensei que os cánticos que durante tanto tempo pediron xustiza nos anos oitenta volvesen ter vixencia agora", indicou. Yeneir Paz engade que "as inxustizas non poden quedar impunes, reclamo a súa aparición". Pola súa banda, Ton Alcalde, autor da música, sinalou que "sempre estou aberto a colaborar e espero que nesta ocasión todo se resolva positivamente. Que apareza Santiago con vida, é o máis importante". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta