Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 21/09/2017 | Actualizada ás 11:33
Hai dous días finaba en Cartelle, aos 111 anos, Josefa Álvarez, cualificada por algúns medios como a 'avoa de Galicia'. Porén, e malia esa consideración, Josefa non era a persoa máis lonxeva no país. Avelina Mouzo Leis, que reside na Ponte do Porto (Camariñas), é a máis vella de todos os galegos, con 112 anos. Outras centenarias ilustres son Celestina Penabad (Lugo) e Concepción Pichel (Pontevedra), de 109 y 108 años, respectivamente. O certo é que Galicia conta cada vez máis con xente que supera o século de vida, o cal se está trasladando aos hospitais, onde ano tras ano estase a constatar un aumento progresivo de pacientes centenarios. Así o corrobora un estudo publicado recentemente por investigadores do Hospital Universitario Lucus Augusti.
No estudo, titulado 'Hospitalización en pacientes centenarios en Galicia en el periodo 2004-2013', rexistráronse 1.373 ingresos de persoas centenarias, cunha idade media de 101,2±1,4, sendo as mulleres maioría, en concreto, o 73,7% dos pacientes centenarios.
O número de ingresos por ano incrementouse co tempo (0,31% dos ingresos en 2004 versus 0,69% en 2013). Por provincias, Ourense e Lugo foron nas que houbo máis ingresos en proporción coa poboación atendida. Pero en números absolutos, Pontevedra é a que presenta unha maior incidencia de ingresos de centenarios nese período, con 427, seguida por Ourense (336), A Coruña (314) e Lugo (290).
Máis metade dos pacientes foron atendidos polos Servizos de Medicina Interna. Ademais, os centenarios ingresaron a través do Servizo de Urxencias, e o motivo de ingreso foi médico no 84,7%, constituíndo o GRD (Grupos relacionados polo diagnóstico) máis frecuente as infeccións respiratorias.
Nos homes houbo unha maior incidencia de enfermidades respiratorias, mentres que as mulleres presentaron maior incidencia de fracturas de cadeira.
A estancia media destes pacientes foi de 8,6±7 días, acadando unha mortalidade de case o 30% e a taxa de reingresos ao ano foi do 7,8%.
Obsérvase, polo tanto, un incremento progresivo do número de ingresos de pacientes centenarios nos últimos anos en Galicia, fundamentalmente por patoloxía médica. Estes pacientes, subliñan os investigadores, presentan unha mortalidade elevada e reingresan con frecuencia.
Isto leva a concluír aos investigadores que "os datos epidemiolóxicos indican un progresivo aumento da poboación centenaria, o cal implica que cada vez será máis frecuente atender no hospital a pacientes extremadamente anciáns".
Para o estudo analizaron datos correspondentes ás altas hospitalarias de todos os pacientes maiores de 100 anos atendidos nos hospitais públicos galegos entre 2004 e 2013 (ambos incluidos).
MÁIS CENTENARIOS NAS PRÓXIMAS DÉCADAS
Un trazo característico do envellecemento demográfico moderno é, destacan os investigadores, o aumento sen precedentes na proporción de persoas centenarias. De manterse as tendencias actuais, a poboación centenaria no Estado español pasaría das 13.551 persoas no ano 2014, a máis de 372.000 no ano 2064.
Este fenómeno, salientan os expertos, acentúase en Galicia, unha das comunidades autónomas con maior índice de senectude.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.