O empresario Javier Rodríguez, procesado na ‘Operación Campión’: “Son inocente, está claro”

A súa defensa di que "non houbo nada inesperado", pois "os funcionarios de Vixilancia Aduaneira o único que confirmaron é que tiña conversas"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2017 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

O empresario Javier Rodríguez, o único dos doce acusados no xuízo da 'Operación Campión' que non chegou a un acordo co Ministerio Público, volveu insistir este mércores que é "inocente". "Son inocente, está claro", manifestou o que era un dos socios da empresa Proitec que asesoraba ao empresario Jorge Dorribo, principal investigado na 'Campión', coincidindo coa segunda xornada do xuízo na Audiencia Provincial de Lugo.

Inicio do xuízo do 'Campión' en Lugo.
Inicio do xuízo do 'Campión' en Lugo. | Fonte: Europa Press

Coa declaración de trece testemuñas renovouse na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo o xuízo pola 'Operación Campión' sobre supostas concesións irregulares de subvencións públicas a través da firma farmaceútica Nupel.

Dos doce procesados tan só un non chegou a un acordo de conformidade coa Fiscalía, Javier Rodríguez, socio de Proitec, xestora que asesorou a Jorge Dorribo, empresario aceptou unha pena de máis de cinco anos de prisión por delitos contra a facenda pública e branqueo de capitais entre outros.

Entre as testemuñas citadas incluíanse axentes de Vixilancia Aduaneira, administradores concursais de Nupel e empregados de Proitec, sociedade que orientaba a Dorribo e cuxo outro socio, Carlos Monjero, asumiu dez meses de prisión no seu pacto coa Fiscalía.

Sobre as 11,30 horas concluíu a segunda sesión do xuízo, tras a que Javier Rodríguez, que se enfronta a máis de catro anos de prisión por un delito de suborno e dous contra a facenda pública, volveu a proclamar a súa inocencia. "Son inocente, está claro", insistiu.

"NADA INESPERADO"

Preguntado sobre se sentía que era unha causa, ao haber conformidade, na que ían o resto de procesados contra el, sinalou que "para iso están os xuíces". "Se non é para saber quen di a verdade e quen mente, meteriamos os folios nun computador e sairía a sentenza. Estou tranquilo, iso sempre", afirmou, á vez que reiterou que é "inocente".

O seu avogado, José Luís Fiuza, mantivo que na sesión deste mércores "non houbo nada inesperado". "Os funcionarios de Vixilancia Aduaneira o único que confirmaron é que Javier tiña conversas, non estivo en ningunha reunión", sinalou. "Non puideron dicir que é o que fixo Javier para que se puidese conseguir tanto a subvención como o préstamo" que lle fixo no seu día o Igape a Nupel, engadiu.

A 'Operación Campión', que coordinou a xuíza Ronsel San José Asensio, comezou a finais de maio de 2011 e investigou a varios cargos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), xunto co empresario Jorge Dorribo e o seu socio en Nupel, por supostas concesións irregulares de subvencións.

Ademais a investigación zarrapicou a políticos do PP, PSOE e BNG. Salvo Javier Rodríguez, os outros once procesados chegaron a un acordo de conformidade coa Fiscalía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta