A dilatación da crise catalá en 2018 podería afectar a economía galega

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) cre "factible" que Galicia cumpra o déficit, pero advirte que se se prolonga o conflito catatán mudarían as previsións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2017 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

A dilatación da crise de Cataluña afectaría as probabilidades de que Galicia cumprise cos obxectivos de estabilidade e déficit en 2018, segundo advirte a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF). Con todo, estes expertos destacan que o país galego está "bastante saneado, en calquera caso". Así se pronuncian fontes da AIReF no día no que foi presentado o seu 'Informe sobre as liñas fundamentais dos orzamentos para 2018 das comunidades autónomas'.

Informe da AIReF para 2018
Informe da AIReF para 2018 | Fonte: Europa Press

En concreto, sinalan que é "probable" que Galicia cumpra co obxectivo de estabilidade orzamentaria o ano próximo, aínda que, "se se prolongase ao longo de 2018" a situación de Cataluña e os seus efectos para a economía, as previsións cambiarían.

Así, se en consecuencia desta dilatación "se actualizasen os recursos do sistema", que supoñen un 70% dos ingresos das comunidades, esta estimación pasaría de "probable" a "factible". Con todo, Galicia está "bastante saneada en calquera caso", segundo incidiron.

De feito, baixo "os supostos" dun escenario "central", a Autoridade Fiscal considera "probable" que Galicia cumpra o obxectivo de estabilidade en 2018 e "factible" alcanzar o déficit do 0,2% do produto interior bruto (PIB) previsto.

No informe recolle a advertencia sobre que "a probabilidade de cumprimento empeoraría ante un crecemento da economía máis limitado pola prolongación no tempo da situación de Cataluña", e en escenarios "alternativos" de actualización dos recursos do sistema de financiamento autonómico. Esta advertencia é común para boa parte das comunidades autónomas.

Celebración  no referendo de independencia de Cataluña
Celebración no referendo de independencia de Cataluña | Fonte: Miguel Nuñez

No caso galego, a evolución esperada do gasto "podería comprometer o cumprimento da regra de gasto en 2018", segundo avisan tamén os expertos no seu traballo.

"Existen riscos lixeiramente baixos para a sustentabilidade financeira", ademais, e "o cumprimento do valor de referencia do 13% non se proxecta para antes de 2028", segundo agregan.

A maiores, as fontes da AIReF apuntan á "fase de tramitación" na que se atopan os orzamentos galegos, e recomendan que o Goberno central, no actual contexto, "aproxime as entregas a conta á situación real".

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal ten por obxecto velar pola sustentabilidade das finanzas públicas como vía para asegurar o crecemento económico e o benestar da sociedade española a medio e longo prazo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta